Integrantes da corporación local de Narón e persoal funcionario e laboral concentráronse na mañá deste mércores, ás 13.00 horas, ás portas do Concello, con motivo do caso de violencia de xénero rexistrado o pasado luns no municipio de Redondela, en Pontevedra.
María José Mateo García morreu a consecuencia dunha explosión de bombonas de butano ocasionada, segundo apuntaron as pesquisas policiais, pola que foi a súa exparella, tamén falecida, Emilio Fernández Castro, na vivenda familiar que ambos compartiran na parroquia de Chapela.
Desde o Concello de Narón condenouse unha vez máis esta lacra social da violencia de xénero, gardando un minuto de silencio en sinal de repulsa a este tipo de feitos e tamén como mostra de dó cos familiares e amigos da muller vítima deste novo crime de violencia de xénero. Os representantes do goberno local portaban unha pancarta de cor malva co lema: “Narón contra a violencia de xénero”.
Antes de dar por rematada a concentración convocada os asistentes fixeron ruído cunhas botellas de plástico para protestar contra esta lacra social e urxir tódalas medidas precisas para a súa erradicación.