Charla-coloquio en Narón organizada polo BNG sobre a «Revolta de Sedes de 1918»

O Bloque Nacionalista Galego de Narón organiza o vindeiro luns, día 20, ás 20:00 horas no local social de Sedes unha charla-coloquio sobreG na que intervirá, ademais do responsábel local, Ánxel Rial, o exdeputado do BNG no Congreso, Francisco Rodríguez.

O BNG de Narón pretende contribuír deste xeito a recuperar algúns episodios históricos de grande importancia que aconteceron no municipio e que, por diversas causas, non son todo o coñecidos que deberan.

A «Revolta de Sedes» ou «Revolta das Pedradas» é un movemento de protesta social que comeza en Xuvia e que desde alí se estende a todos os concellos da comarca de Ferrolterra. Os motivos do inicio das protestas son diversos, mais os abusos que naquela altura se cometían sobre os labregos da zona, unidos a unha escaseza total de trigo á desproporcionada caristía de vida, provocaron que a lapa prendese. O decreto de estado de guerra, o envío de tropas e a súa distribución polas prazas, o boicot á entrada de mercadorías a Ferrol, o corte do tráfico ferroviario, as folgas dos estaleiros e as manifestacións dos obreiros, son episodios que se foron desenvolvendo desde o 8 ao 16 de marzo daquel 1918. Coma testemuña daquel conflito, a prensa da época recolle todos estes acontecementos e os testemuños orais de diversas persoas.

No medio de todo este movemento social, cómpre destacar o desenlace dunha protesta que se desenvolve no lugar da Feira do Trece, na parroquia de Sedes, no decurso da feira que se celebrou o día 13 de marzo e que se salda coa morte de 13 veciños e veciñas e cunha multitude de feridos a man da Garda Civil.

O responsábel local do BNG, Ánxel Rial, explica que «cremos que estes sucesos deben de ter o mesmo recoñecemento que os ocorridos en Sofán, Oseira ou Nebra no principio do século XX, dos que xa se teñen feito multitude de estudos e que gozan dun recoñecemento como capítulos sobranceiros da nosa Historia».

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …