Últimas horas para inscribirse no Concurso de Tapas de Entroido organizado por Narón

A Concellería de Promoción Económica do Concello de Narón pechará mañá martes o prazo de inscrición na quinta edición do “Concurso de Tapas de Entroido” organizado polo Concello. Así o recordou o edil da área, Pablo Villamar, que incidiu en que os establecementos hostaleiros da localidade interesados en participar –estean ou non adheridos ao Club Narón Gastronómico- deben anotarse por teléfono, chamando ao 981 337 700 (ext. 1063) ou escribindo un mail á dirección: narongastronomico@naron.es.

Os locais de hostalería que participen no certame deberán servir entre os días 23 de febreiro e 1 de marzo, en horario de 13.00 a 15.30 e desde as 20.00 ata as 22.30, as tapas coas que participen no certame -de balde- coas consumicións da clientela. Establecéronse dúas modalidades, a Tapa de Libre Creación e a Tapa de Entroido, podendo anotarse os establecementos nunha única modalidade ou en ambas.

En canto aos premios deste concurso, o edil de Promoción Económica recordou que se estableceron cinco para os establecementos de hostalería, un que se concederá por votación popular –os clientes puntuarán as tapas nos propios locais e depositarán os votos nunhas urnas, admitíndose un único voto por cliente e tapa- e catro que dará o xurado, que integrarán un membro do Concello, un crítico gastronómico e un cociñeiro. O concedido pola clientela será de 250 euros e un diploma, se ben os do xurado serán dous de 400 euros e outros dous de 250 para as primeiras e segundas mellores tapas, respectivamente, das modalidades establecidas, de Libre Creación e de Entroido. Tamén se lles entregará un diploma aos propietarios dos establecementos premiados. A maiores, os clientes que participen no concurso poderán gañar unha das cinco ceas que se sortearán para dúas persoas.

Lea también

Un taxista logra salvarse, a nado, tras precipitarse su coche al mar en As Pías, Fene

Sobre las doce y veinticinco de este jueves, día 21, saltaron todas las alarmas al …