Aberto o prazo de inscrición no Festival de Comparsas do Entroido organizado polo Padroado de Cultura de Narón

Os actos programados desde o Padroado da Cultura de Narón con motivo do Entroido contarán este ano con varias novidades. Así o anunciou a vicepresidenta do organismo, Marián Ferreiro, que avanzou que desde este  luns, día 6, abrirá o prazo de inscrición no Festival de comparsas. As agrupacións interesadas en participar poderán anotarse ata o día 10 de febreiro.

O desfile de Entroido terá lugar o sábado 25 deste mes e partirá do Pavillón da Mocidade, na Gándara, ás 17.15 horas, ata a pista polideportiva da Solaina, en Santa Icía, donde se celebrará o Festival de Comparsas, previsiblemente a partir das 18.00 horas, baixo unha carpa instalada para a ocasión.

As formacións sairán do Pavillón da Mocidade cara as rúas Bispo Argaya, Vigo, Concepción Arenal e a avenida da Solaina, ata chegar á pista polideportiva do citado barrio, donde se sucederán as actuacións das comparsas. “Esta é precisamente unha das novidades deste ano, sacar o desfile e as actuacións ás rúas de Narón, unha proposta coa que tratamos de dar máis visibilidade ao Entroido no noso concello, non limitando exclusivamente a programación desta xornada ao Pazo da Cultura, onde xa se convocan numerosos espectáculos e eventos ao longo do ano”, apuntou Ferreiro.

As inscricións deben formalizarse no Pazo da Cultura, en horario de 9.00 a 14.00, tendo a obriga os interesados de presentar seis copias dos temas a interpretar e os datos persoais dun representante da comparsa.

A participación de comparsas limitouse a un máximo de sete de Narón e tres procedentes doutros concellos, cun mínimo de quince membros maiores de 14 anos. Así mesmo, a selección das agrupacións realizarase por rigorosa orde de inscrición e as letras deberán estar escritas en galego e abordar temas locais do concello de Narón, tal e como figura nas bases establecidas desde o Padroado da Cultura.

Unha vez que as comparsas cheguen á pista polideportiva da Solaina, en Santa Icía, comezarán as actuacións, dun tempo máximo de dez minutos cada unha, nas que os integrantes das agrupación deberán facer gala da súa ironía e humor, así como amosar a orixinalidade dos seus disfraces. Haberá axudas económicas do Padroado da Cultura para as comparsas de Narón de 600 euros; as de fóra de Narón, recibirán 300 euros e as convidadas –que poderá elixir o Padroado-, tamén obterán 300 euros. Así mesmo, as tres mellor valoradas polo xurado –que presidirá a vicepresidenta do Padroado, Marián Ferreiro, e entre o que haberá representantes elixidos polas comparsas, como novidade- recibirán como premio unha figura en recordo do Día do Entroido. As comparsas de Narón que participen no festival deberán realizar dúas actuacións, unha na súa parroquia e a segunda en calquera outra do municipio, e con percorrido no caso de ser posible, tal e como se indica nas normas da convocatoria.

A maiores, tamén este ano, tal e como apuntou Ferreiro, haberá premios para os mellores disfraces nas categorías: individual, parellas e de grupo (cun máximo de seis persoas). Os galardoados recibirán unha cesta con produtos para preparar un cocido, prato típico destas datas do ano.

A vicepresidenta do Padroado da Cultura animou ás comparsas da localidade, e tamén doutros concellos, a inscribirse no festival que se celebrará no municipio con motivo do Entroido, e que “goza dunha excelente acollida entre a veciñanza”. Así mesmo, e co fin de contribuír á ambientación local e a festexar esta data, tamén alentou á veciñanza a que acuda disfrazada ao Festival de Comparsas do vindeiro día 25, “o que ademais de darlle a posibilidade de obter un agasallo, permitiranos a todas e a todos gozar coas orixinais vestimentas que a xente prepara cada ano con motivo do Entroido”

Lea también

Uns 350 escolares participan nos obradoiros de murais programados dende polo Concello de Narón en centros de ensino

Uns 350 escolares de once centros de ensino de Narón participan nos obradoiros de murais …