O BNG de Narón reclama un concerto económico para Galiza que mellore o sistema de financiamento autonómico e local

O portavoz do grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego de Narón, Pablo Villamar, presentou unha moción para o seu debate no pleno ordinario de febreiro na que demanda un sistema de concerto económico co que financiar os servizos públicos básicos e que permita superar o actual modelo, vixente desde o ano 2009.

A moción, que está a ser rexistrada en todos os Concellos nos que o BNG ten representación, cualifica o actual sistema de “ineficaz” por canto que centraliza na Administración Xeral do Estado a capacidade recadatoria da meirande parte dos impostos que se pagan no país (practicamente dous terzos do total), malia que é a Comunidade Autónoma a que presta os servizos máis importantes das políticas de benestar, isto é, Sanidade, Ensino, Servizos Sociais e Dependencia, entre outras. Cómpre lembrar que estas áreas absorben 7 de cada 10 euros do orzamento anual da Xunta de Galiza.

O BNG considera que debe mudar o enfoque e estabelecer como principio xeral o de que a quen lle corresponde manter os servizos sociais esenciais “ha de ostentar tamén a responsabilidade da política fiscal”. Non sen sentido que a Xunta, en virtude da repartición competencial, sexa a titular dos servizos anteditos e que, porén, non teña capacidade de se responsabilizar dos ingresos para o seu financiamento.

O modelo polo que pula o BNG xa está en vigor en Comunidades como Euskadi e Navarra, nas que as leas sobre a suficiencia do sistema son testemuñais. A respecto da sustentabilidade desta proposta, a organización nacionalista lembra que a cidadanía galega “contribúe ao Estado con máis diñeiro en impostos do que o Goberno central transfire posteriormente para o noso financiamento”. Os datos falan por si mesmos: os últimos dispoñibles (2014) sinalan que a recadación de impostos en Galiza asignados ao sistema de financiamento foi de 9.188 millóns. Se a esta cifra engadimos a parte que nos corresponde de impostos totalmente centralizados (por exemplo, o Imposto de Sociedades) en función do peso económico de Galiza no conxunto do Estado (1.942 millóns), a recadación final ascende a 11.131 millóns. Porén, as remesas do sistema de financiamento a Galiza ascenderon a 7.034 millóns.

O cambio de modelo afectaría tamén ao financiamento local. Actualmente, para concellos de menos de 75.000 habitantes (incluído, polo tanto, Narón) o Estado non ten en conta os maiores custos que supoñen a dispersión xeográfica e o avellentamento, premiando polo tanto a concentración poboacional típico doutros territorios.

Por estes motivos, o BNG propón ao pleno instar ao Goberno galego a defender un novo marco de financiamento baseado nun concerto económico e na territorialización completa dos tributos do sistema fiscal soportados en Galiza, o que debera levar aparellada a creación da Axencia Tributaria Galega. Tamén reclama a creación dun mecanismo de redistribución interterritorial vinculado á renda relativa que permita reducir as diferenzas nos niveis de servizos e infraestruturas.

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …