O Centro Comunitario Integrado “Manuela Pérez Sequeiros” dispón dun novo mural nunha das paredes exteriores realizado no marco do programa municipal que impulsa a realización deste tipo de actividades en espazos urbanos degradados de centros educativos e instalacións municipais.
A iniciativa partiu da Concellería de Ensino, dirixida pola edil Mercedes Taibo, e programouse a modo de mural interxeracional, no que participaron usuarios do centro e tamén nenos e nenas, “co fin de incidir en que se trata dunhas instalacións con actividades dirixidas a persoas de todas as idades, non só aos maiores”, explicou Taibo. O programa desenvolveuse tamén en tres centros escolares da localidade no último trimestre de 2016, rexistrándose unha participación total de 178 alumnos e alumnas.
O mural realizado no centro “Manuela Pérez Sequeiros” consta de varias siluetas nas que se poden apreciar as diferentes etapas da vida das persoas, a modo interxeracional. “A finalidade destas propostas é embelecer o concello pintando murais de diferentes temáticas elixidas desde os centros e, ao mesmo tempo, concienciar á cidadanía, desde a súa etapa escolar, sobre a importancia de conservar o mobiliario urbán e fuxir do vandalismo, fomentando tamén a creatividade dos participantes e o traballo en grupo”, subliñou Taibo.
A concelleira de Ensino recordou que o pasado ano se realizaron outros murais con cargo a este mesmo programa municipal no colexio de Domirón (CRA), e nos da Solaina e do Feal. No caso de Domirón o alumnado reinterpretou un cadro do pintor catalán Joan Miró nun dos muros do patio do centro. O traballo realizárono 62 nenos e nenas de entre 3 e 5 anos durante unha semana do mes de outubro.
No colexio da Solaina participaron 25 nenos e 24 nenas de cuarto curso de Primaria, sobre a temática “Saudable”, realizando en novembro un escrito sobre a parede do comedor e unha representación de todos os alimentos da pirámide alimenticia. Por último, en decembro do pasado ano 39 nenos e 28 nenas de sexto de Primaria do colexio do Feal fixeron un graffiti baixo o lema “Respecta o teu patio”.
Taibo destacou a excelente acollida deste programa, que se ofertou aos centros de ensino da localidade e que rexistrou unha elevada demanda, estando pendiente traballar nos primeiros meses deste ano nos colexios nos que aínda non se realizaron os murais. Co pintado do deseñado para o Centro Comunitario Integrado “Manuela Pérez Sequeiros” esta proposta, impulsada desde a Concellería de Ensino, “permite tamén decorar outras instalacións municipais, ao tempo que diversificar aos beneficiarios potenciais desta proposta, non limitándoa exclusivamente ao ámbito escolar”, asegurou Mercedes Taibo.