Moeche solicita melloras na vía provincial DP-4901 e a súa transferencia

Instante da reunión – Concello de Moeche

A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, mantuvo unha reunión co deputado de infraestruturas viarias, vías e obras provinciais, Manuel Pequeño Castro, para abordar a solicitude realizada polo concello a finais de 2016.

A alcaldesa e o deputado, acompañados dos técnicos provinciais, mantiveron unha reunión para analizar a cesión dunha das estradas provinciais que percorren o concello de Moeche, a DP-4901, e a execución previa de obras de mellora nesta vía, así como a instalación de elementos de seguridade diaria no entorno do centro de ensino municipal.

As obras céntranse no aglomerado do tramo da vía provincial 4901 que transcorre desde o límite de San Ramon ata o campo de fútbol municipal e a creación dunha senda peonil que una o núcleo urbano de San Ramón co núcleo de Balocos. Nos próximos días encargarase a redacción do proxecto tanto do aglomerado da vía como a senda peonil.

Por outro lado, o concello trasladou a solicitude de transferencia da titularidade desta vía provincial ao Concello que atravesa todo o núcleo urbano. A alcaldesa sinalou «esta vía une dous núcleos do noso municipio nos que se localizan os principais servizos públicos, o recinto feiral e a súa transferencia eliminaría e simplificaría moitos dos trámites que ano tras ano se deben realizar como os permisos na organización de feiras e eventos e reduciría os informes técnicos no outorgamento de licenzas de obra e permisos na zonas afectadas por esta estrada.«

O Concello procura que antes da cesión da titularidade a Deputación acometa as obras indicadas tanto no referido ao estado do firme como da seguridade para a veciñanza. A proposta que agora deberá avaliar o goberno provincial supón, pois, a transferencia da titularidade da vía e a execución das obras do tramo da feira -San Ramón- ao campo de fútbol -Casabranca- uns 800 metros, que conleva o aglomerado, a sinalización vertical e horizontal e a construcción da senda pernil.

A alcaldesa interesouse por un antigo proxecto que non se chegou a executar, o da mellora e ampliación da estrada provincial Balocos -As Somozas-. Este é un proxecto que foi aprobado e publicado no ano 2010 pola Deputación da Coruña e, no ano 2011 na lexislatura anterior, paralizouse tanto na Deputación da Coruña coma na Xunta de Galicia.

Na reunión deputado e alcaldesa concretaron, así mesmo, a instalación de elementos de seguridade viaria con carácter urxente no tramo que transcorre diante do CEIP San Ramón co fin de incrementar a seguridade no contorno no centro escolar .

O Goberno municipal, tras a reunión desta mañá, mostrase confiado en que a xuntanza entre a alcaldesa e os representantes do goberno provincial «conducirá á execución das obras e a iniciar o procedemento, complexo e extenso, da transferencia«.

Lea también

Cedeira reparte no municipio o XXVIII boletín As7Parroquias

O Concello de Cedeira reparte estes días polo municipio un novo número do boletín As7Parroquias, …