O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e o presidente da asociación Terra Rendible, Marcos Manuel García, asinaron esta mañá un convenio de colaboración por un importe de 12.000 euros. Ao acto, que tivo lugar ás 11:30 horas no Concello, asistiu tamén o edil de Promoción Económica, Pablo Villamar.
En base ao acordo rubricado hoxe a entidade comprométese a potenciar o aproveitamento agroforestal e a fomentar o desenvolvemento rural sostible, promocionando o territorio e impulsando actuacións que contribúan a dinamizar o núcleo rural contanto coa participación cidadá.
Promotores forestais de Narón están integrados nesta asociación agroforestal, a través da que se xestiona a venda de madeira a empresas como a madereira Ence e tamén a limpeza de montes. Ademáis, impúlsase o traballo conxunto entre os propietarios, en canto á explotación dos terreos da súa propiedade, para obter maiores beneficios económicos. O rexedor local destacou a actividade desta entidade, constituída no municipio, e tamén o seu compromiso co coidado do medio ambiente.