O Centro Comercial Narón, no Alto do Castiñeiro, foi o lugar elixido para celebrar este sábado 17 dos actos conmemorativos do Día do Migrante. A edil de Acción Social, Catalina García, presentou esta mañá o evento acompañada pola presidenta da Asociación de Movilidad Humana para la colaboración y el desarrollo, Soledad Lucero, e de Bara Mbaye, portavoz da Asociación de Senegaleses de Narón e outros representantes das entidades.
A concelleira naronesa explicou que a iniciativa consiste na realización «dunha xornada de sensibilización, información e participación do colectivo de mobilidade humana e o concello de Narón, a cidade de acollida, co obxectivo de acadar a súa plena integración na sociedade galega». A convocatoria conta ademais coa participación do Foro Galego de Inmigración, a Asociación de Mulleres Inmigrantes Amimur e a Asociación de Senegaleses de Narón.
Unha videoconferencia e unhas mesas informativas que se celebrarán no soto do Centro Comercial Narón marcarán o inicio do evento, no que ás 17 horas se programou unha videoconferencia sobre Mobilidade Humana, a cargo de Dora Aguirre, deputada asembleísta de Ecuador. A convocatoria continuará ás 17:30 horas cunha mesa informativa sobre Arraigo e Nacionalidade, na que participará a avogada Maite Bustamante e ás 18 horas outra de Experiencias de vida, na que falarán Nubia Badel, da asociación Amimur; Serigne Mbake, da Asociación de Senegaleses de Narón, e Adrián Bueno, da Asociación Movilidad humana para la colaboración y el desarrollo.
Nas inmediacións da xoiería localizada no citado Centro Comercial Narón terá lugar ás 18 horas a presentación do grupo Arabesque, de danza do ventre, e de 19 a 20 horas a actividade Sabores de mi tierra, unha serie de obradoiros de cociña en vivo nos que se elaborarán e degustarán pratos típicos de Armenia, Ecuador, México, Senegal e Venezuela.
Na súa intervención, Soledad Lucero agradeceu a colaboración do Concello de Narón neste evento e destacou a labor de todas as persoas que, procedentes doutros países, comparten experiencias coa veciñanza da localidade e da comarca en xeral. «É importantísimo o papel do migrante en Galicia, polo que cremos que é necesario reivindicar esta celebración tendo en conta que os fluxos migratorios van a estar sempre aí e aportan máis que restan», destacou.
Pola súa parte, Catalina García, que agradeceu a colaboración do Centro Comercial Narón pola cesión do espazo para celebrar este evento, incidiu na importancia de celebrar esta data «para dar visibilidade aos veciños e veciñas de diferentes países que viven no noso concello e tamén para traballar pola súa plena integración co resto da sociedade». No referente á poboación naronesa, a edil apuntou que actualmente residen na localidade 422 persoas de diferentes países de Europa, maioritariamente de Portugal -172- e Rumanía -109- ; e tamén 74 orixinarios de Asia (China); de América un total de 414, dos que 114 son de Brasil, 89 de Colombia e 50 de Venezuela; e África con 128, na súa maior parte de Senegal -59- e Marrocos -50-. «Consideramos que é importante celebrar este acto para que todas esas persoas de diferentes países poidan amosarnos tamén a súa cultura e as súas experiencias», asegurou a edil naronesa.