A compañía Teloncillo Teatro, de Valladolid, impartiu o pasado martes 29 un obradoiro formativo para profesionais e estudantes, enmarcado na XXXIV Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil” impulsada desde o Padroado da Cultura de Narón. O profesorado das escolas infantís municipais da cidade e o alumnado do Ciclo Formativo Superior de Educación Infantil foi o destinatario desta proposta, que se desenvolveu na gardería municipal da Solaina en horario de tarde, de 17:30 a 19:30 horas.
Os participantes abordaron técnicas de traballo en equipo individual e en grupo e tamén o xeito no que trasladar ás aulas determinadas actividades artísticas.
A compañía Teloncillo Teatro representou desde o pasado luns dúas funcións cada mañá nas escolas infantís de Piñeiros, A Solaina e A Gándara.
Hoxe mesmo representou o espectáculo Múuu… Las cosas de Celia na aula de educación Infantil do colexio Santiago Apóstol, tamén en Narón, tal e como recordaron desde o Padroado da Cultura. As funcións programadas nas escolas infantís municipais no marco desta Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil, iniciada en outubro con centros escolares e institutos de Narón e comarca –que acudiron ás representacións no Pazo da Cultura- rematan coas sesións programadas hoxe no Santiago Apóstol.