Premiado a nivel nacional un traballo de enfermería neurolóxica do Marcide

O traballo Variabilidade na exploración da enfermidade de párkinson entre o neurólogo experto en trastornos do movemento e a enfermeira especialista foi premiado como mellor comunicación no XXIII Congreso Anual da Sociedade Española de Enfermaría Neurolóxica, que tiña lugar a pasada semana en Valencia. A enfermeira de Neuroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, Teresa de Deus Fonticoba; e o facultativo especialista en Neuroloxía, Diego Santos García, recibían este galardón.

O traballo pretende comparar obxectivamente a avaliación motora do paciente con enfermidade de párkinson realizada polo neurólogo especialista fronte á enfermeira da Unidade de Trastornos do Movemento. Na sección de Neuroloxía do CHUF traballan seis neurólogos, catro médicos internos residentes (MIR) nesta especialidade, e tres profesionais de Enfermaría en Consultas Externas. Existe unha consulta monográfica de Párkinson, na que se se valoran entre 60 e 90 pacientes ó mes.

A estes pacientes realízaselle unha ampla valoración e exploración tanto no ámbito motor (rixidez, lentitude, marcha, postura ou equilibrio, entre outras cuestións), como no non motor (de entorno, global ou psicosociais que implican cuestións urinarias, dixestivas, vasculares, de depresión ou fatiga, entre outras moitas cuestións). Tradicionalmente, da valoración motora encárganse os profesionais facultativos, e das non motoras o de Enfermaría.

Para valorar as motoras existen diferentes escalas validadas que se aplican. Os autores deste traballo partían da base de que «unha profesional de enfermaría con ampla experiencia pode aplicar tamén estas escalas”, optando así por unha “maior colaboración entre profesionais», e optimizando o tempo de consulta dese paciente para unha atención máis completa. Traballaron, durante medio ano, con un total de cincuenta pacientes con capacidade para participar, e de xeito voluntario.

Ámbolos dous profesionais aplicaron esa mesma metodoloxía, as mesmas escalas de valoración e exploración, a estes pacientes con párkinson, para poder analizar así a posible variabilidade segundo a persoa que a realice. Tras isto, dedúcese que a exploración motora é realizada pola enfermeira especialista de xeito fiable, e con resultados superponibles ós do neurólogo experto; que o tempo empregado, en xeral é semellante ó do neurólogo; e que isto pode ter unha aplicabilidade práctica tanto en estudos ou ensaios clínicos como na práctica clínica diaria.

O facultativo, Diego Santos García destaca o «aspecto colaborativo do traballo e a importancia do adestramento da enfermeira». Pola súa banda, a enfermeira Teresa de Deus Fonticoba subliña «que ámbolos dous ámbito se poden complementar, e que a enfermeira pode axudar ó neurólogo a facer avaliacións». De feito, explican, «o paciente valora ese traballo en equipo».

A enfermidade de Párkinson é un trastorno neurodexenerativo e crónico que conduce co tempo a unha incapacidade progresiva. É producido a consecuencia da destrución, por causas descoñecidas, das neuronas pigmentadas da substancia negra do cerebro. A enfermidade de Párkinson é a segunda enfermidade neurodexenerativa en España por número de habitantes. Están diagnosticados en España uns 300.000 casos, pero estímase que outros 150.000 están sen diagnosticar.

Lea también

Ferrol, acoge el encuentro intergeneracional de corales de personas mayores

La concejala de Política Social e Inclusión de Ferrol, Rosa Martínez, presentó este jueves 21 …