O concelleiro de Promoción Económica, Pablo Villamar, valorou hoxe o anuncio da Deputación da Coruña de licitar a redacción do proxecto de ampliación e mellora do vial DP-5407, a estrada do Feal, entre os puntos quilométricos 0,000 e 1,500. O orzamento de licitación ascende a 14.520 euros (IVE incluído), tal e como se recolle no Boletín Oficial da Provincia de hoxe, e as empresas dispoñen de quince días naturais –contados a partir de mañá- para presentar as súas ofertas na administración provincial. Villamar recordou que a intervención, comprometida xa no anterior mandato da Deputación, supón a continuidade dos traballos executados anteriormente nun tramo do mesmo vial, concretamente ao tempo que se urbanizou o polígono das Lagoas.
«Trátase dunha obra moi necesaria nesta estrada e tamén moi demandada, polo que valoramos o feito de que se proceda a licitar a redacción do proxecto, confiando en que se adxudique e excute coa maior axilidade posible», apuntou Villamar. O edil naronés avanzou ademais que unha vez que se coñeza a empresa adxudicataria o goberno local solicitará as pertinentes reunións co equipo redactor e representantes da Deputación da Coruña. «O que queremos nas futuras xuntanzas é coordinar ao máximo o desenvolvemento deste proxecto, ao tempo que incidir en que se teña en conta á hora de materializalo a necesidade de dotar á zona en obras dos necesarios servizos de abastecemento e saneamento», explicou o concelleiro.
As negociacións impulsadas desde o goberno local permitiron que a licitación da redacción do proxecto sexa hoxe unha realidade. Así, Villamar recordou a xuntanza que como edil de Promoción Económica mantivo o pasado mes de abril co responsable de Vías e Obras da Deputación da Coruña, José Manuel Pequeño, e con persoal técnico da administración provincial. O encontro, apuntou o edil «convocouse para analizar o estado de varias intervencións da administración provincial pendentes de executar na localidade, entre elas esta da estrada do Feal, da que finalmente hoxe se licitou a redacción do tan necesario proxecto para a súa ampliación e mellora».