Narón acolle unha nova edición do programa ConciliaEscola para o Nadal

A concellería de Igualdade de Narón convocará un ano máis o programa ConciliaEscola Nadal, que se desenvolverá entre o 23 de decembro e o 5 de xaneiro –en dúas quendas- no CRA de Domirón. A concelleira da área, Teresa Sabio, anunciou a apertura, mañá, do prazo de inscrición nesta nova convocatoria do programa, dirixido a vinte nenos e nenas de Narón de entre 4 e 12 anos. O prazo para apuntarse remata o 2 de decembro e os interesados deben cubrir unha instancia que teñen que entregar no Rexistro do Concello, en horario de 8:30 a 13:30 horas. A taxa para poder participar é de 8,15 euros.

A primeira das quendas desenvolverase do 23 ao 29 de decembro e a segunda do 30 de decembro ao 5 de xaneiro. O Concello, que conta cunha subvención da Deputación da Coruña para desenvolver este programa, habilitou dous horarios, de 7:30 a 14 horas (con transporte só de volta) e de 9 a 14 horas (con transporte de ida e volta). Os autobuses realizarán paradas en todas as parroquias, se ben os horarios comunicaranse tras unha xuntanza previa ao inicio da actividade. As paradas estableceranse na Casa da Mocidade (Gándara); no polideportivo Campo da Serra (Solaina); no Concello (Alto); nos Centros Cívicos de Piñeiros, San Mateo e Sedes; na Cooperativa do Val; no Pazo Libunca (San Xiao); no Paraxe (Castro), e xunto ás igrexas de Doso e Pedroso.

Os participantes, que deberán estar empadroados en Narón e cumprir unha serie de requisitos na súa unidade familiar, terán a oportunidade de participar nunha gran variedade de actividades artísticas e de inglés; de educación para a igualdade, convivencia, e saúde e tempo libre, todas elas mediante o xogo, tal e como indicou Sabio. «Con este programa, que convocamos en varias ocasións ao longo do ano, desde o Concello tratamos de poñer fin aos obstáculos aos que se teñen que enfrontar as nais e os pais que traballan fóra da casa e teñen fillos en idade escolar, colaborando así para que poidan conciliar o mellor posible a súa vida laboral e familiar», apuntou Teresa Sabio.

As persoas interesadas en recibir máis información poden dirixirse ao Servizo Sociocomunitario, chamando ao número de teléfono 981 337 7 00 (Extensións: 1113 e 1115).

Lea también

Música, maxia, xogos populares e degustación de callos e bolos preñados para celebrar o Día de Narón

  A Praza 23 de Novembro acollerá este sábado os actos do programa co que …