O Concello de Narón acollerá mañá, a partir das 12 horas, o acto institucional de homenaxe a tres empresas que levan 75 anos ou máis asentadas no municipio: Megasa, Tranvías de Ferrol e o Grupo Intaf. Representantes das tres compañías (fundadores ou actuais xestores) reuniranse co alcalde, José Manuel Blanco, no seu despacho para asinar minutos antes, sobre as 11:30 horas, no Libro de Ouro da Cidade. Están tamén convidados a este acto de sinatura os portavoces dos grupos políticos da corporación local naronesa.
A continuación, ás 12 horas, o desenvolvemento do programa continuará no salón de plenos, donde estarán tamén presentes, ademáis de representantes da corporación local e dos xestores das empresas, o secretario xeral do Concello, Alfonso de Prado, e familiares e amigos dos empresarios, convidados expresamente a esta homenaxe. Tralas pertinentes intervencións previstas no acto proxectarase un video de cada unha das sociedades para a continuación proceder o alcalde á entrega dun agasallo institucional aos xestores de Megasa, Tranvías de Ferrol e Grupo Intaf. A intervención dos empresarios destas sociedades dará paso ao peche oficial do acto, a cargo do rexedor local naronés.
O de mañá será o segundo evento enmarcado no programa conmemorativo do Día de Narón, que se celebra cada 23 de Novembro. O primeiro terá lugar esta mesma noite, a partir das 21 horas no Pazo da Cultura, coa XXVIII Gala do Deporte de Narón, á que asistirán preto dun milleiro de persoas. A vindeira semana continuará desenvolvéndose este variado programa, o propio día 23. Durante esa xornada procederase a investir ao artista luso Manuel Patinha Fillo adoptivo de Narón –trala aprobación plenaria da proposta o pasado mes de abril-, nun acto tamén convocado ás 12 horas no Concello e, xa pola tarde, haberá actividades e actuacións musicais para o público infantil na praza 23 de Novembro, na Solaina, e ás 20 horas entregaranse no Pazo da Cultura os premios do VIII Concurso de Pintura Cidade de Narón.
A última das citas enmarcadas no programa do Día de Narón será o sábado 26 de novembro, cunha homenaxe ao exalcalde naronés Antonio Martínez Aneiros, que terá lugar na parroquia do Val a partir das 17 horas.
O pleno do Concello aprobou unha proposta da AVV Os Irmandiños do Val –respaldada pola Fundación Terra de Trasancos e a Sociedade Deportiva O Val- para dar o nome do exalcalde a unha rúa no Val e tamén denominar Complexo social Antonio Martínez Aneiros a un conxunto de instalacións localizadas na parroquia (escola, local social, pista polideportiva, etc.).