O traballo Dous anos de cribado do cancro colorrectal, que ten pasado? foi premiado na Reunión Nacional de Cirurxía, que se está a celebrar entre o 7 e o 10 de novembro en Madrid, e na que se amosaron dous traballos realizados por profesionais do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Referíanse o impacto do programa de prevención do cribado colorrectal na actividade cirúrxica na área sanitaria ferrolá. «Trala implantación do programa de cribado colorrectal na Xerencia Integrada de Ferrol, téñense incrementado o número de cirurxías realizadas nun 50%, durante o primeiro ano; e nun 80%, durante o segundo ano» Así o destacaban os especialistas en Cirurxía, Ramón López de los Reyes e Luis Sánchez-Guillén, neste encontro nacional de cirurxiáns. Ámbolos dous traballos xa foron seleccionados entre os 45 mellores deste Congreso Nacional, e se expuñan como comunicación.
No traballo premiado Dous anos de cribado do cancro colorrectal, que ten pasado? , sete profesionais avalían o impacto cirúrxico que supón este cribado, «queremos amosar que este cribado supón un diagnóstico e estadío máis precoz dos casos; un menor número de complicacións; un maior número de intervencións por vía laparocópica, isto é, de xeito menos agresivo para o paciente; e, tamén, menos estancia hospitalaria e morbimortalidade», explican no estudo.
O programa de Cribado para a Prevención de Cancro Colorrectal púxose en marcha na Xerencia Integrada de Ferrol -de xeito piloto para toda Galicia- en marzo do 2013. Incorporábanse progresivamente distintos concellos, e como estaba previsto, chegaba ó 100% da poboación dous anos máis tarde. Xa se está a desenvolver a segunda chamada no marco deste cribado. Beneficiaba ós máis de 52.000 cidadáns da Xerencia Integrada de Ferrol de entre 50 e 69 anos, obxectivo do programa. A proba de cribado implica un test de sangue oculto en feces, cun intervalo entre exploracións de dous anos.
Nestes dous anos primeiros, invitouse a 52.125 persoas a participar; e responderon 25.205. O test de feces, primeiro chanzo, deu positivo en 1.812 persoas (o 7,19%). Indicáronse 1.800 colonoscopias; e detectáronse 106 cancros e 1.011 adenomas ou lesións precanceríxenas.
Maior precocidade na intervención
Xa de xeito concreto, estes profesionais analizan as cirurxías que se realizaban neste eido colorrectal. Nos doce meses previos á activación do cribado, realízanse intervencións a 92 pacientes; nos doce primeiros meses do cribado a 127; e, nos segundos doce meses de cribado, a 155. Desta análise, derívase que se incrementa nun 50% a cirurxía no primeiro ano, e nun 80% no segundo ano. Os pacientes procedentes do cribado chegan a alcanzar o 56% da cirurxía programada. Auméntase igualmente a porcentaxe de colectomías e reseccións anteriores, técnicas cirúrxicas relacionadas con esta patoloxía.
Xunto con isto, prodúcese un incremento da cirurxía laparoscópica, menos agresiva. Case un 75% das intervencións faise en estadíos máis precoces. Conclúen, polo tanto, que se incrementa a cirurxía programada pero que o diagnóstico é precoz e o número de complicacións menor, o que facilita ese maior número de cirurxías laparoscópicas.
Diminución das cirurxías urxentes
Por outra banda, outros seis profesionais do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol -algúns deles coincidentes en ámbolos dous traballos- analizaron tamén a influencia deste cribado na cirurxía urxente, no traballo Influencia do Programa poboacional de cribado do cancro colorrectal en cirurxía urxente. Partían da base de que o cancro colorrectal é a neoplasia maligna máis frecuente na poboación, e a maioría detéctanse en estadíos avanzados, pero a detección temperá pode reducir a mortalidade entre o 30 e o 35%, ademais de reducir a incidencia dese tumor a través da eliminación da lesión precanceríxena ou adenoma.
Coa implantación do cribado, presuponse un descenso nas cirurxías colorrectais urxentes, secundario á detección precoz de tumores que doutro xeito serían obstrutivos. Tralo estudo, efectivamente observaron, como indica o cirurxián Luis Sánchez-Guillén «un descenso do 30% das cirurxías urxentes no rango de idade que comprende o programa, con mellores resultados oncolóxicos e funcionais ó tratarse de estadíos máis iniciais; e unha menor taxa de complicacións e estancia hospitalaria».