Miriam Ferradáns premio nacional de poesía «Xosemaría Pérez Parallé»-2016

mariam-ferradansO Xurado do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, reunido na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, acordou seleccionar como obra gañadora deste ano a titulada «Dos nomes de fume», de Miriam Ferradáns Ferradas.

Na acta do Xurado -formado polos escritores Lara Dopazo, Paco Souto e Eduard Velasco- saliéntase coma un valor do libro gañador «o fío narrativo que conduce a quen le ao longo de todas as páxinas». Tamén se pon de manifesto que «o conxunto, escrito cun estilo limpo e cunha clara vontade de construción dunha voz propia, goza dunha forte unidade e solidez».

Miriam Ferradáns Ferradas é natural do concello pontevedrés de Bueu. Diplomada en Traballo Social pola Universidade de Vigo, na actualidade desenvolve traballos relacionados co ensino secundario.

No ano 2012 gañou o 3º premio do Premio Xuventude Crea co poema «Novecomaoito». A partir de aí, segundo di, «comezo a tomar conciencia da escrita como un exercicio de reflexión». En 2013 obtén o 1º premio Rosalía de Castro de Cornellá con «Decibel». Un ano despois faise co mesmo premio por unha obra titulada «Ruído». Xa máis recentemente, en 2016, acada o premio Francisco Añón de poesía coa obra «Deshabitar unha casa» e o 3º premio de poesía do concello de Ames cun poema sen título. Tamén participou no libro colectivo 6 poemas 6, Homenaxe a Federico García Lorca.

Amais de desvelar o nome da gañadora desta nova edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, o Xurado do certame quixo deixar constancia en acta da súa homenaxe ao poeta Francisco Cortegoso, gañador do Premio en 2013 e recentemente falecido.

O Premio Nacional de Poesía, que convoca anualmente o CMI Unidade de Fene estableceuse en homenaxe ao poeta Xosemaría Pérez Parallé, tras o seu pasamento ocorrido en 1987. Desde o ano 2005 o Concello de Fene colabora coa convocatoria do certame, que premia un libro de poesía de autor/a inédito. Ademais, o libro gañador publícase na prestixiosa editorial Espiral Maior, que conta coa máis extensa colección de poesía da historia da literatura galega.

Nos últimos anos, o certame estase a revelar como unha ferramenta moi efectiva para dar a coñecer novas voces da poesía galega que, tras obter o premio, comezan unha carreira literaria exitosa. Nomes como os de Mario Regueira, Susana Sánchez Aríns, Xiana Arias Rego, Ramón Neto, Lorena Souto, Eduard Velasco ou Miriam Ferradáns forman parte xa dun presente prometedor da literatura galega.

Sobre o Xurado do XXIX Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

O xurado estivo composto por

Lara Dopazo: escritora e xornalista galega, nada en Marín en 1985. En 2008 obtivo o GZ-Crea por «Dende Illa Peixe» e, en 2015, o Francisco Añón do Concello de Outes por «Ovella». No mesmo ano, tamén acadou o premio Nortear de narrativa para mozos de Galiza e Norte de Portugal pola obra «Clementina».

Paco Souto: poeta coruñés, membro activo da xeración dos 90. Ten publicada unha xa importante obra poética na que destacan «As árvore do incesto» (Premio Espiral Maior 1995), «Fado ou As horas de María» (premio Johan Carballeira en 2006) así como o recente «Caín». Formou parte do consello editorial de Letras de Cal e, actualmente, coordina o premio de poesía erótica Illas Sisargas e a colección de poesía Caldeirón.

Eduard Velasco: é o gañador da edición de 2014 do Premio Pérez Parallé co libro «Ruído de trens». Nado en Barcelona, é licenciado en filoloxía galega e catalana pola Universitat de Barcelona. Actualmente fai parte da librería especializada en poesía e da editora Chan da Pólvora.

Lea también

Valdoviño acolle o taller “Artes Galegas 2024: Asorey, un escultor monumental”

O Concello de Valdoviño celebra este sábado 27 de abril o obradoiro «Artes Galegas 2024: …