Alumnado de varios centros educativos da localidade participa estes días no programa municipal Arte na escola, impulsado desde a concellería de Ensino e enmarcado na proposta de Apoio educativo aos centros. A edil da área, Mercedes Taibo, explicou que se trata dunha iniciativa «na que queremos implicar ás nenas e nenos nunha actividade artística que, ao mesmo tempo permite dun xeito lúdico e participativo fomentar a creatividade dos menores, a cooperación entre eles e a decoración de espazos elixidos desde os propios centros con deseños propostos por monitores da actividade».
Algo máis de douscentos escolares participarán ata finais de ano nesta proposta, que se convoca en horario lectivo e se dirixe a nenos de Infantil e de Primaria. A pasada semana rematouse a actividade programada no CRA de Domirón, donde o alumnado estivo traballando nas aulas abordando o traballo de Joan Miró, un dos máximos expoñentes da pintura surrealista en España, e recuperou a obra deste recoñecido pintor para realizar esta actividade. A vindeira semana está previsto comezar o deseño elaborado para decorar unha parede do comedor do colexio da Solaina, espazo elixido desde o centro.
Os nenos de catro e cinco anos traballan en grupos reducidos e no caso de Domirón pintaron unha parte do muro do patio cuberto, cun deseño elixido desde o centro e a base de pintura acrílica especial para exteriores.
Previamente os monitores que colaboran na actividade desprázanse aos centros para revisar o espazo no que se pintará o mural, acondicionándoo no caso de que sexa preciso para que a pintura se manteña no tempo nas condicións idóneas, tal e como explicou Taibo. Cada día o alumnado implicado na iniciativa, de luns a venres, pinta durante dúas horas, continuadas antes do recreo. «As temáticas son libres, pero teñen que estar vencelladas ao currículo educativo das idades para as que está pensada a actividade, desde Infantil ata Primaria, abordando temas como a arte, hábitos de vida saudables, etc.», explicou Mercedes Taibo.
A maiores do traballo realizado en Domirón participarán tamén nesta iniciativa alumnos dos colexios da Solaina, da Gándara e do Feal antes do Nadal. «Á vista da excelente acollida desta proposta, xa temos novas peticións de centros, polo que a partir de principios do vindeiro ano traballaremos cos colexios Santiago Apóstol, a Unitaria do CRA do Val, o Ayala e o Ponte de Xuvia», avanzou a Concelleira de Ensino.