As persoas interesadas en inscribirse na acción formativa Alfabetización dixital: ofimática, trámites online, busca de emprego a través de internet, do programa municipal Emple@tic, impulsado desde a Concellería de Formación e Novas Tecnoloxías, dispoñen aínda de prazas libres, podendo anotarse ata o vindeiro 2 de novembro (incluído). A convocatoria desenvolverase en dúas edicións –de 110 horas cada unha e en horario de mañá e de tarde-, do 7 de novembro ao 21 de decembro na Aula Cemit de Xuvia, tal e como recordou a edil da área, Natalia Hermida. A proposta formativa é de balde e diríxese a persoas desempregadas da localidade.
Os participantes terán a oportunidade de traballar con programas como o Writter, manexar follas de cálculo, aprender a realizar trámites online e a asinar documentos de xeito electrónico, entre outras temáticas a abordar nesta acción formativa.
A instancia xenérica a cumplimentar para inscribirse pódese descargar da páxina web do Concello –www.naron.es- ou solicitar no Rexistro municipal do Concello, de 8:30 a 13:30 horas. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.