A conselleira do Mar en funcións da Xunta de Galicia, Rosa Quintana, acompañada polo presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, José Manuel Vilariño, visitou a lonxa do porto ferrolán na que se realizaron obras de rehabilitación. Un acondicionamento no que a Consellería do Mar colaborou coa Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao para dotar á rula de equipamento. Alí a conselleira en funcións destacou o traballo da Autoridade Portuaria na realización desta obra, na que este ente investiu máis de 1,2 millóns de euros.
Neste sentido, subliñou a importancia das lonxas como centros neurálxicos para a comercialización en orixe dos produtos pesqueiros e que permiten coñecer o estado sanitario dos produtos e as capturas realizadas por cada embarcación ou mariñeiro. Ademais, a titular de Mar en funcións engadiu que garanten o cobro por parte dos pescadores e achégalles transparencia do importe da pesca. De aí, dixo, «a importancia de mantelas acondicionadas para acadar unha mellor comercialización dos produtos do mar na súa primeira venda», explicou. Destes aspectos, dixo, é consciente a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, que acometeu as obras de mellora nas súas instalacións. A través destas actuacións acondicionouse o interior e o exterior do edificio da lonxa.
Centráronse principalmente no reforzo da cimentación, da estrutura do edifico e das cerchas de cuberta, así como na ampliación das redes de servizos na contorna do edificio. Ademais incluíron outras actuacións anexas vinculadas coa súa urbanización exterior, dotación de instalacións, sistemas de seguridade e cerramentos, entre outros aspectos. Rosa Quintana engadiu que «a Consellería do Mar colaborou no acondicionamento desta lonxa a través do subministro de diferentes equipamentos por valor de máis de 81.000 euros; entre eles, unha máquina clasificadora de moluscos bivalvos, un xerador de xeo e un silo de almacenamento de xeo».
A maiores, a actuación da lonxa acompañouse da execución dunha nova dársena para o sector pesqueiro e marisqueiro, na que a Autoridade Portuaria investiu máis de 550 mil euros.