A partir deste luns celebración en Narón do «Día Internacional das Bibliotecas»

naron-bibliotecaA conmemoración do Día Internacional das Bibliotecas, que terá lugar o 24 de outubro, celebrarase no municipio naronés con varios actos organizados pola concellería da área, presidida pola edil Mercedes Taibo.

A primeira das citas terá lugar este luns, día 24, e consistirá nunha xornada de portas abertas, a desenvolver de 11.00 a 12.00 para o público adulto e de 18.00 a 19.00 para todas as idades.

Así o explicou a concelleira naronesa, ao indicar que a actividade consistirá nunha visita guiada polo edificio, dando a coñecer así as instalacións á cidadanía, incluso algúns espazos aos que habitualmente non teñen acceso as veciñas e os veciños, como o depósito e o arquivo, entre outros. As persoas interesadas en acudir á cita deben anotarse previamente, podendo facelo hoxe, mañá ou o luns pola mañá –para a visita do luns á tarde neste último caso-, no mostrador da Biblioteca municipal ou chamando ao número de teléfono 981 382 173.

Na xornada do luns 24 tamén terá lugar a actividade «Trocolibros». A edil de Bibliotecas asegurou que se trata «dunha magnífica oportunidade para trocar os libros que temos na casa e xa non utilizamos». Na planta baixa da Biblioteca instalarase unha mesa na que se poderán ver os diversos exemplares e realizar o intercambio ou, no caso de así desexalo, levar algún libro aínda que non se deixe outro a cambio. O límite estableceuse nun exemplar, tanto para doar como para levar, según especificou Taibo.

A terceira das actividades programadas para o día 24 de outubro é un curso de Manexo básico do smartphone, no que participarán oito persoas e que se desenvolverá na Casa da Mocidade ata o 29 de outubro en horario de 19.00 a 21.00.

A concelleira de Bibliotecas avanzou tamén que na programación se inclúe, tal e como vén sendo habitual nos últimos anos, a celebración da actividade «A biblioteca na rúa». O día 29 deste mes «trasladarase» a Biblioteca á praza de Galicia, de 10.30 a 14.00 e desde as 16.30 ata as 19.30. «As veciñas e os veciños de Narón poderán coñecer de primeira man todos os servizos que se ofrecen na Biblioteca municipal», apuntou Taibo, que destacou a variedade de actos programados desde área municipal de Bibliotecas para desenvolver co gallo do Día Internacional das Bibliotecas.

A maiores desta convocatoria, o día 29 entre as 11.00 e as 12.00 haberá unha sesión de contacontos a cargo de Manuel Solla, baixo o título: «Conto contigo». «Trátase dunha xornada na que buscamos a implicación dos nenos e nenas, que poderán gozar de divertidas sesións de contacontos, títeres, maxia e animación partindo do mundo dos libros como eixo central», explicou a concelleira de Bibliotecas. Xa pola tarde, de 17.00 a 19.00, desenvolverase un obradoiro de chapas personalizadas e graffiti, unha actividade na que de novo a biblioteca e os libros serán o tema central. Esta última proposta consistirá na elaboración dun mural colaborativo –poderán participar todas as persoas que o desexen, sen necesidade de inscrición previa- feito con lemas escritos polos participantes e aos que ao final dará forma un graffiteiro profesional.

Mostra fotográfica

Así mesmo, nas instalacións pode verse estes días a mostra fotográfica «A Biblioteca está presente», na que se destaca o papel das bibliotecas en diferentes ámbitos. A exposición permanecerá instalada ata o 29 de outubro e poderá verse no horario de apertura da Biblioteca municipal (de luns a venres de 9.30 a 13.30 e de 16.00 a 21.00 e os sábados desde as 10.00 ata as 13.00).

«Un ano máis, desde a Concellería de Bibliotecas apostamos por celebrar o Día Internacional das Bibliotecas con varias propostas, tratando de implicar á cidadanía nas variadas actividades a desenvolver tanto dentro como fóra da Biblioteca municipal, unhas instalacións que a principios deste ano celebraban a emisión do carné do socio número 16.000, unha cifra que se incrementa día a día», subliñou Mercedes Taibo.

Lea también

Narón acoge en el CC Odeón la exposición de Roberto Marín, ‘Una mirada cofrade’

La plaza de Eventos del Centro Comercial Odeón ha inaugurado este viernes 11 la exposición …