Narón acolle a I Carreira-Andaina solidaria pola saúde mental

O paseo marítimo de Xuvia acollerá o vindeiro domingo 16 a I Carreira-Andaina solidaria pola saúde mental organizada pola Asociación de Familiares e Amigos de Enfermos Psíquicos (Afaes) e que conta coa colaboración do Concello de Narón, entre outras entidades e empresas. Os edís de Deportes e Seguridade Cidadá, Román RomeroGuillermo Sánchez Fojo, respectivamente, presentaron o evento acompañados por Sara Pérez, terapeuta ocupacional da asociación e Antía Pereira, mestra de taller en Afaes. A día de hoxe, máis de trescentas cincuenta persoas están anotadas, en total, na carreira e na andaina, tal e como indicou o concelleiro de Deportes, que recordou que os interesados poden apuntarse aínda ata o vindeiro xoves, día 13, ás 23:59 horas, na web: www.carreirasgalegas.com.

Os participantes sairán das inmediacións do colexio Ponte de Xuvia e realizarán un percorrido, tanto na carreira como na andaina, polo paseo e algunhas rúas da zona. Ás 11 horas sairán os nenos e nenas (nacidos despois do ano 2002), que non terán que pagar cuota de inscrición, por un percorrido deseñado especificamente para eles. Os adultos comezarán ás 12:10 horas tanto na carreira como na andaina, por tramos de 5 e 3,5 quilometros respectivamente e debendo pagar de cuota seis euros para a carreira e catro no caso da andaina. Os dorsais entregaranse o sábado día 15 nas instalacións de Decathlon, en horario de 10 a 21 horas e tamén o propio día da carreira ata media hora antes de iniciarse nas inmediacións do tramo.

Os anotados na carreira absoluta recibirán como agasallo unha camiseta e tanto os adultos como os rapaces e rapazas participarán no sorteo de varios agasallos. As persoas que queiran aportar un donativo e non poidan acudir a esta I Carreira-Andaina solidaria pola saúde mental poderán colaborar a través do “Dorsal 0” na web: www.carreirasgalegas.com.

A convocatoria organizouse con motivo do Día Mundial da Saúde Mental, que se conmemorou onte, día 10, baixo o lema «Son coma ti, pese a que aínda non o saibas». O obxectivo desta cita é, tal e como explicou Sara Pérez, «impulsar unha xornada deportiva coa que dar máis visibilidade e normalización ao colectivo co que traballamos desde Afaes, sensibilizando á sociedade de que todos e todas, independentemente de ter ou non problemas de saúde mental, compartimos máis semellanzas que diferenzas no noso día a día e aspiramos a aportar algo á sociedade». Ao respecto, Antía Pereira recordou tamén que os trastornos mentais «son aínda grandes descoñecidos, a pesares de que según os datos da Organización Mundial da Saúde, unha de cada catro persoas no mundo ten algún problema deste tipo».

Unha das novidades desta convocatoria será a participación do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios e Salvamento do Concello de Narón (Speis), cuxo persoal do Grupo de Intervención Rápida en Bicicleta do Speis Narón, tal e como apuntou Sánchez Fojo, realizará o percorrido da carreira e da andaina con dúas bicicletas equipadas con DESA (desfibriladores semiautomáticos) e botiquíns de primeiros auxilios. «Na zona de Xuvia haberá persoal médico e unha ambulancia, pero coa colaboración deste equipo do Speis no caso de rexistrarse algunha incidencia en determinadas zonas do tramo poderemos actuar máis rápido e, ao tempo, reforzar a atención sanitaria aos participantes», explicou o concelleiro de Seguridade Cidadá. O edil anunciou ademais que esta iniciativa se levará a cabo a partir de agora en todos os eventos deportivos organizados no municipio nos que se considere oportuna a súa asistencia e as condicións do evento o permitan.

O Auto Club Clásicos Narón colabora tamén nesta actividade solidaria, cunha concentración de vehículos clásicos que se poderán ver en Xuvia.

Os edís naroneses animaron á veciñanza a participar neste evento deportivo, cun marcado carácter solidario, para respaldar a intensa labor que día a día desenvolve Afaes con persoas con trastornos de saúde mental tanto de Narón como doutros concellos da comarca e tamén coas súas familias.

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …