A concelleira de Mocidade e Universidade, Saínza Ruíz, presentou na mañá deste martes en rolda de prensa o Congreso Extraordinario Terra de Trasancos: Toxos, Ferrol e as Irmandades da Fala (28-29 Outubro), agardando que serva, entre outras cousas, «para que Ferrol e a lingua galega en Ferrol saia un pouco do armario, por dicilo dun xeito coloquial».
Saínz Ruiz, que compareceu xunto ao concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea, o secretario da Real Academia Galega (RAG), Henrique Monteagudo, e o presidente do Real Coro Toxos e Froles, Arturo Lamas, coincidiu co académico en que esta cidade vai ser das que máis teña reivindicado as Irmandades da Fala no centenario do seu nacimento, de aí a importancia de aprender do seu exemplo e do exemplo de persoeiros como Xaime Quintanilla -que tamén será homenaxeado no Congreso- a prol da normalización do idioma.
Neste sentido, amosou a satisfación do concello e a súa disposición a apoiar sempre este tipo de iniciativas. Asemade, fixo un chamamento especial á mocidade para que se implique nestas xornadas, lembrando que poderán obter un crédito de libre configuración pola súa asistencia.
Perspectiva científica
Pola súa parte, o concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea, salientou o Congreso como unha actividade que destaca por riba das demais neste ano adicado á efeméride das Irmandades, polo peso dos seus organizadores, a Real Academia Galega e o Real Coro Toxos e Froles, e pola perspectiva científica e de análise profunda que poden aportar sobre este grupo de persoeiros tan fundamentais para a historia do país os diferentes ponentes das xornadas.
Arturo Lamas, como presidente do coro, coincidiu con Basterrechea na importancia do carácter científico do Congreso e agradeceu o traballo tanto do concello como da RAG para poder sacalo adiante.
Explicou que levan traballando coa Real Academia dende hai seis-sete meses para configurar o programa que, aínda que pivotará sobre o relevante papel do coro nas Irmandades, tamén abordará a historia xeral das mesmas.
Presentación de comunicacións
Lamas convidou a participar non só como asistentes senón tamén presentando comunicacións, pois o prazo para envialas está aberto ata este venres día 7; logo, un comité avaliador seleccionará as que definitivamente serán expostas nas mesas de debate do Congreso.
As inscricións son gratuitas e o número de prazas ao redor de 100 persoas, toda vez que vai ter lugar no local do coro e esa é a súa capacidade. O programa está conformado por mesas redondas, charlas e as devanditas aportacións dos investigadores que queiran aportar os seus traballos e pode consultarse na páxina web do coro www.toxosefroles.com
Xaime Quintanilla
Henrique Monteagudo, como secretario da RAG, fixo especial fincapé na parte da homenaxe ao ex alcalde de Ferrol Xaime Quintanilla, do que salientou o seu papel de «intersección entre a corriente socialista e a galeguista, algo moi novidoso naquela época».
Neste sentido, anunciou que o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, asistirá non só á conferencia inaugural do Congreso senón tamén á mesa de debate adicada ao ex alcalde. Asemade, informou sobre unha mesa adicada á Edición e Ilustración gráfica nas publicacións nos tempos das Irmandades, na que participarán María Teresa Carvalho-Calero Ramos (Catedrática de Historia da Arte), Pepe Barro (Ilustrador Gráfico) e Siro López (debuxante e caricaturista).
Roteiro
Noutra orde de cousas, dende o concello lémbrase que este sábado celebrarase o segundo roteiro organizado dende a concellería de Normalización Lingüística: Ferrol coas Irmandades da Fala, que se repetirá todos os sábados do mes de outubro a partir das 17.00 h con saída dende a Praza de Amboaxe.
As inscricións, que son gratuitas, poden realizarse no correo gnl@ferrol.es ou no teléfono 640 651 314.