Narón e Ferrol forman parte dunha rede de municipios galegos adheridos ao programa Apego

Os Concellos de Narón e Ferrol impulsan numerosas actividades enmarcadas no programa Apego, entre cuxos obxectivos están incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que reciben o galego desde o berce e arroupar o seu uso no proceso de socialización dos menores ata os seis anos. A rede da que forman parte ambos consistorios confórmana un total de vinte e tres concellos galegos, tras sumarse á mesma na pasada primavera os da Coruña, Ames, Mazaricos, Moaña, Muros, Oleiros, Ponteceso, Rianxo, Ribadeo, Teo e Vimianzo. Xunto con Narón e Ferrol forman tamén parte desta iniciativa, desde o ano 2015, as localidades de A Baña, Carballo, Carnota, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago e Vigo.

Os responsables da área de Normalización lingüística de Narón e Ferrol, Mercedes Taibo e Álvaro Montes, respectivamente, valoraron a adhesión de once novos concellos a esta iniciativa e destacaron a boa acollida das actividades desenvolvidas nas citadas localidades a través do programa Apego.

A poboación atinxida polo programa Apego supera xa o millón de habitantes en Galicia. Unha vez que se inscriben nesta proposta as familias reciben unha caixa na que se lles facilita información e recursos en galego para formar parte da comunidade do programa. Posteriormente reciben de xeito periódico propostas para que os seus fillos se acheguen á lingua e á cultura galegas con naturalidade desde as primeiras idades. Para lograr isto, ademais dos espazos na rede onde se facilitan recursos, a través das páxinas: www.apego.gal e www.facebook.com/apego.gal, varios concellos publican materiais específicos para divulgar a oferta de actividade infantil e tamén reforzan a programación con convocatorias nas que as nenas e nenos poden aprender e relacionarse na nosa lingua.

Grazas ao medre do proxecto, coas novas incorporacións, Apego está xa producindo novos recursos, nesta ocasión materiais audiovisuais para a súa difusión nas redes. Trátase de pezas de vídeo para transmitir os obxectivos do proxecto, explicar o funcionamento ás persoas que desexen sumarse e divulgar de xeito atractivo algúns contidos que, ben seguro, as nais e pais han considerar útiles (unha canción para ir durmir composta especialmente para este proxecto, xogos de dedos, os sons dos animais, as cores, as froitas, como atar os cordóns…). A distribución destes materiais farase a partir da canle en Youtube do proxecto Apego e tamén das súas redes sociais.

O Apego mantense desde os servizos de normalización dos concellos participantes, a onde se poden dirixir as persoas que desexen máis información ou sumarse á comunidade de usuarias.

Lea también

Tras siete años de obras de rehabilitación la iglesia de Dolores abre sus puertas

La reapertura de la iglesia de Dolores después de siete años cerrada por obras es …