Rey Varela aborda a importancia de impulsar a declaración de ARI para Recimil

rey-varela-recimil-21-9

A rolda de encontros coa xente que está a manter estes días o candidato ferrolán do Partido Popular de Galicia (PPdeG), Jose Manuel Rey Varela, levouno hoxe ata Recimil, onde explicou as propostas da candidatura que encabeza Alberto Núñez Feijóo en materia de rehabilitación, facendo fincapé naquelas das que se poden beneficiar directamente os veciños e veciñas de Ferrol, e máis en concreto os deste barrio. «Os vindeiros catro anos propoñemos centrar os maiores esforzos en actuar sobre o patrimonio xa construído, con especial atención aos cascos históricos e aos barrios patrimoniais como é o caso en Ferrol do conxunto histórico formado por A Magdalena e Ferrol Vello, e de Recimil», apuntou.

Rey Varela incidiu na rehabilitación como «aposta de presente e futuro, tanto para dar resposta ás necesidades de vivenda como para dinamizar económica e socialmente aquelas zonas e barrios en que se actúa».

Nesta liña, sinalou a importancia de impulsar a declaración de Área de Rehabilitación Integral (ARI) para Recimil, xa que así podería acceder a axudas públicas e plans de vivenda doutras administracións e sumarse a A Magdalena, Ferrol Vello, A Graña e Esteiro Antigo, que son as outras zonas declaradas ARI en Ferrol.

No que atinxe ao ámbito social, o candidato ferrolán referiuse ao programa piloto para a erradicación da pobreza infantil que se está a levar a cabo con familias de Recimil co impulso da Xunta de Galicia, en colaboración coa Obra Social de La Caixa e a participación do concello.

Esta iniciativa, que se desenvolve nas sete principais cidades de Galicia, «quere terminar cunha das situacións máis inxustas como é a pobreza infantil, facéndolle fronte desde os seus inicios e actuando na atención socioeducativa dos nenos», explicou. Así, un grupo de 50 familias galegas con nenos en situación de vulnerabilidade, parte delas residentes en Recimil, participan neste programa que pon a disposición das mesmas apoio educativo, servizo de terapia psicosocial e actividades de promoción da saúde.

Novo marco legal e intervención pública directa

O candidato local do PPdeG aproveitou este encontro con veciños e veciñas de Recimil para expoñer as propostas que ten a súa formación para acadar un maior nivel de recuperación dos cascos históricos.

Así, ademais de incrementar as axudas ás actuacións de rehabilitación realizadas por particulares, o programa de goberno de Núñez Feijóo contempla o establecemento dun novo marco legal que facilite a revitalización, recuperación e revitalización de conxuntos históricos como o de Ferrol. Ao fío disto, Rey Varela manifestou a importancia de que esta nova lei de cascos históricos «ademais de garantir a protección e conservación e os valores patrimoniais e culturais destes contornos, sexa máis flexible e permita a unión de parcelas; o que sería moi beneficioso para a recuperación de vivendas, así como, de baixos comerciais e de negocio nos barrios da Magdalena e de Ferrol Vello».

«Outra novidade que inclúe o programa de Alberto Núñez Feijóo é a iniciativa REXurbe, que engloba unha serie de medidas de intervención pública directa dirixidas a cascos históricos que están especialmente degradados e nos que a intervención privada é escasa». Ao respecto, o candidato local explicou que «Ferrol Vello está entre os barrios de Galicia que se poden beneficiar deste programa a través da súa declaración como zona de Actuación Pública de Rexeneración Urbana, o que permitiría a adquisición por parte da administración autonómica de edificacións completas para a súa rehabilitación».

Rey Varela insistiu en que «a recuperación de cascos históricos será unha prioridade estratéxica» na vindeira lexislatura. Neste sentido, «o obxectivo que se marca a candidatura que lidera Alberto Núñez Feijóo para o período 2016-2020 é intervir en máis de 10.000 vivendas de máis de 40 cascos e zonas históricas de Galicia».

Lea también

El martes inauguración del «Rastrillo» de la A. Nuestra Señora del Carmen

La asociación “Nuestra Señora del Carmen” de Ferrol celebrará desde el martes 26 de noviembre, …

Un comentario

  1. Gabriel del Castillo

    Menos mal que hay quien si se preocupa por Ferrol y por Recimil, lo triste es que tenga que ser la Xunta quien intervenga, mientras el gobierno municipal no mueve ni un sólo dedo. Sigue haciendo desde la Xunta más por Ferrol, Rey Varela que el Alcalde y su consorte desde nuestra ciudad