O alcalde de Narón, José Manuel Blanco; a primeira tenente de alcalde, Marián Ferreiro, e os edís de Servizos e Urbanismo, Ibán Santalla e Manuel Ramos, respectivamente, visitaron xunto co xerente da empresa Cosma, José Manuel Marcote, e José Piñeiro, director de obra de Acuaes, as instalacións dos tanques de tormentas do Cadaval e Inxerto II.
Ambas infraestruturas, xunto con outro tanque de menores dimensións localizado na Gándara –á altura da empresa Poligal- están totalmente rematadas á espera de comezar a funcionar, se ben os tanques das Aceñas e Inxerto I, xunto ao matadoiro da Gándara, está previsto que estean rematados a finais de ano. As infraestruturas representan unha parte importante dos traballos de saneamento integral da ría, concretamente dos interceptores xerais da marxe dereita da ría de Ferrol. Os traballos licitounos e adxudiconos a Sociedade Estatal Aguas de las Cuencas de España (Acuaes), entidade dependente do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Pesca.
Os cinco tanques de tormentas proxectados en Narón recibirán as augas fecais e pluviais do termo municipal e desde esas construcións impulsaranse a través dunha tubaría pola Trincheira cara á EDAR de Ferrol. Será tamén nos tanques localizados en Narón onde esas augas reciban os primeiros tratamentos de cara á súa chegada á EDAR e posterior verquido á ría.
En canto á entrada en funcionamento das instalacións o alcalde naronés explicou que «os tanques de tormentas que están rematados poderían poñerse en servizo de inmediato, o que permitiría deixar de verter á ría de Ferrol unha parte importante das fecais da zona urbana de Narón, incluídas as recollidas na zona do polígono industrial de Río do Pozo». Así mesmo, Blanco recordou que «estamos pendentes de que a depuradora funcione correctamente e do acordo con Augas de Galicia e o Concello de Ferrol», subliñando que «o Concello de Narón xa ten un acordo sobre o tema administrativo co de Ferrol sobre o reparto dos custes de mantemento da depuradora, que asumiría o noso concello nun 30% e no 70% restante Ferrol». O rexedor local apuntou ademais que «continuamos pendentes de que unha vez que Ferrol acepte a proposta no pleno, Acuaes permita sacar a concurso o mantemento e de que a través da Mancomunidade de Concellos se licite o mantemento global da parte Norte da ría, a Sur e da propia depuradora».
Os traballos dos interceptores xerais da marxe dereita da ría de Ferrol desenvolvéronse en varios tramos: A Malata-A Gándara; A Gándara-O Cadaval e O Cadaval-Neda. A maiores, contémplanse no proxecto as estacións de regulación do Porto e Río Inxerto, o que eleva o investimento total na zona a 45,5 millóns de euros.