Aberto en Narón o prazo de matrícula no Programa Promedex 2016-2017

A concelleira de Ensino de Narón, Mercedes Taibo, anunciou a apertura do prazo de matrícula no Programa municipal de educación extraescolar (Promedex 2016-2017) e no Programa de Recursos educativos de apoio á escola. Estas iniciativas diríxense, en función da proposta elixida, a alumnado dos centros educativos de Narón e ás súas familias e no caso do Promedex realízanse fóra do horario lectivo.

Representantes das Anpas e dos centros de ensino públicos e concertados do municipio recibiron esta semana no Café Teatro do Pazo da Cultura información sobre a apertura do prazo de matrícula nestes programas nunha xuntanza á que asistiron a concelleira de Ensino e técnicos municipais.

A oferta do Promedex 2016-2017, dirixido aos centros públicos, inclúe sesións de Iniciación á lingua inglesa para nenos de educación Infantil e Primaria –dous grupos de 10 participantes en cada unha das categorías-; Reforzatic, de reforzo educativo a través do emprego das Novas Tecnoloxías da Información e Comunicación (NTIC) –con grupos de dez alumnos, ata un máximo de 50 participantes- e Programacón e Robótica educativa, para estudantes de 8 a 10 anos –un total de dez prazas- e de 11 a 14 anos –outras dez prazas-, para aprender programación dun xeito lúdico. A estas opcións súmanse as Escolas de familia, nas que se abordan temáticas como: disciplina positiva e coaching familiar, bulling, técnicas de modificación de condutas, normas e límites e control do estrés, entre outras.

As persoas interesadas en anotarse en actividades do programa Promedex 2016-2017 poden facelo desde o pasado 14 de setembro –ata esgotar prazas, que se cubrirán por orde de inscrición- no Rexistro de Entrada do Concello de Narón. O prezo de matrícula é de 8,15 euros ao mes por usuario en todas as actividades excepto Reforzatic, que é de balde, e as Escolas de familia, nas que paga un único membro da mesma. As clases impartiranse nos centros educativos públicos de Narón desde os que se soliciten as actividades, según apuntou a concelleira.

En canto á oferta dirixida aos centros escolares públicos e privados e a desenvolver en horario lectivo, desde o Concello propóñense actividades sobre: Educación Medioambiental –para alumnado de primeiro a cuarto de ESO, educación Primaria e Infantil-; de Educación para a saúde –para 1º a 4º de ESO, Escolas de Familias e Bacharelato-; Educación para a Igualdade -1º e 3º de ESO, 4º e 6º de educación Primaria-; Coñece o teu Concello -2º, 5º e 6º de educación Primaria, educación Infantil (cinco anos) e 1º de ESO- e Educación para a cidadanía –un nivel educativo a elixir-. “As actividades a desenvolver consisten nunha gran diversidade de obradoiros nos que se tratan temáticas como as enerxías renovables, nutrición, habilidades sociais, diversidade funcional e moitas outras, compaxinándoas con visitas dos rapaces e rapaces dalgúns cursos a instalacións municipais”, explicou Mercedes Taibo. Neste caso, as inscricións son de balde, ao sufragar o Concello a totalidade do importe das actividades.

A concelleira de Ensino destacou o éxito que rexistran estas convocatorias ano tras ano entre a comunidade educativa do municipio. Taibo subliñou que «se trata dunha completa oferta de actividades, a desenvolver en diferentes horarios, según as preferencias, nos que tanto os alumnos e alumnas como as súas familias nalgúns casos reciben unha formación complementaria sobre diferentes áreas».

Para obter máis información pódese contactar co correo electrónico: omix@naron.es ou chamar ao número de teléfono 981 337 700 (ext. 1103/1122).

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …