O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e Concepción Rubio, representante da entidade Acción Familiar (AFA Ferrol), asinaron esta mañá no Concello un convenio de colaboración en materia de acción social. O rexedor local destacou o traballo que realiza a ONG AFA Ferrol co colectivo xitano e anunciou unha aportación das arcas locais de 30.000 euros para desenvolver programas na localidade destinados ás familias xitanas.
O acordo rubricado hoxe estará en vigor ata o 31 de decembro deste ano. Blanco explicou que «o goberno local aposta con este acordo por dar continuidade aos programas que desde hai máis dunha década se levan a cabo no termo municipal para erradicar o chabolismo, contribuír ao desenvolvemento e á integración social do colectivo xitano, en colaboración con outras administracións». O Concello aportará ademais da citada partida económica a colaboración de persoal do Servizo Sociocomunitario, tal e como destacou o alcalde.
Entre os programas a implantar ata finais de ano desde AFA Ferrol destacan os referentes ao ámbito da vivenda; educación de menores e adultos; emprego; saúde e acción e sensibilización social, entre outros.