O Marcide realizou máis de 130 intervencións cirúrxicas coa nova Torre de Laparoscopia

Téñense realizado xa ó redor de 130 intervencións de Laparoscopia coa nova Torre de Laparoscopia 3D que se incorporou ó Servizo de Uroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, hai medio ano. Esta nova torre implica a visualización tridimensional da cavidade abdominal e pélvica. Con ela, extrémase a precisión da disección, do corte e da sutura neste técnica cirúrxica minimamente invasiva, a laparoscopia, que o Servizo de Uroloxía da Xerencia Integrada de Ferrol era dos primeiros de Galicia en incorporar hai trece anos.

Entre as vantaxes propias da intervención a través de laparoscopia figuran un menor sangrado; a diminución da estadía hospitalaria; e unha maior comodidade postoperatoria, e con menos dor. Coa incorporación desta nova torre de laparoscopia 3D, ás vantaxes propias desa cirurxía minimamente invasiva -a laparoscopia- engádense a visualización tridimensional da cavidade abdominal e pélvica.

«Coa laparoscopia en dúas dimensións foi necesario adaptar a visión do ollo, e iso sempre dificulta e ralentiza a aprendizaxe; perdíase a visión en tres dimensións coa que se contaba ó facer unha cirurxía aberta, pero se gañaba en beneficio para o paciente, precisión, meticulosidade e visualización de espazos profundos», explica Andrés Rodríguez Alonso, xefe do Servizo de Uroloxía da Xerencia Integrada de Ferrol. «A laparoscopia 3D volve a proporcionar a terceira dimensión da cirurxía aberta, levando á cirurxía a unhas cotas de precisión impensables ata hai uns anos», engade.

Esta parataxe é a máis completa que existe na actualidade, e conta cunha punta angulable, moito máis manexable, para ofrecer una imaxe máis ampla e concreta, «permite movementos máis precisos e facer o que queres, no momento que queres», destaca Andrés Rodríguez Alonso. Con esta nova parataxe 3D, pódese ofrecer unha visión clínica crítica ó tempo que se mantén a orientación óptima da imaxe. Xunto con isto, coa imaxe HD en 3D conséguese maior profundidade de campo e un nivel axeitado de percepción desa profundidade. A punta angulable pode realizar unha curva de ata 100 graos en catro direccións.

Como indica o xefe do Servizo, «somos dos primeiros servizos de Galicia en aplicar esta técnica» (cando se incorporou só contaban con el Pontevedra e Vigo), e case toda a laparoscopia de Uroloxía realízase xa con 3D. «Neste momento é o mellor método laparoscópico do mundo», subliña. Ademais, engade, «a curva de aprendizaxe, o tempo no que os especialistas aprendemos a traballar con estes avances, é moito menor ó recuperar esa visión real nas tres dimensións».

«É como facer a intervención en aberto, pero con tódalas vantaxes xa citadas propias da laparoscopia”» matiza. Como exemplo, na cirurxía do cancro de próstata, que é na que máis frecuentemente se emprega, tódalas vantaxes citadas implican non só a resolución da problema, senón que de xeito paralelo permiten mellorar os resultados da incontinencia urinaria e da potencia sexual.

Cada vez máis laparoscopia

O Servizo de Uroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol foi dos primeiros en comezar a realizar a cirurxía laparoscópica, mediante pequenas incisións polas que se introducía a parataxe necesaria para operar. Esta técnica supuña mellorar a recuperación, ó ser as intervencións menos agresivas que a cirurxía aberta. No ano 2004, comezábase realizando dúas intervencións, e agora son ó redor de 1.300. A grande maioría realízanse para dar solución á patoloxía tumoral. En xeral, realizáronse preto de 700 intervencións laparoscópicas de próstata; as seguintes en número son as de ril, con preto de 400 intervencións; ó redor de 80 de chan pélvico; máis de 60 de vexiga; máis de 50 de Cirurxía Reconstrutiva; e máis de 30 suprarrenais.

No ámbito das intervencións con laparoscopia, e nos 13 anos que se leva empregando esta técnica cirúrxica, pasouse da media anual de 43 intervencións nos seis primeiros anos, á media de 152 dos últimos seis anos.

Láser verde

Por outra banda, lembrar que este servizo incorporaba este ano tamén a técnica cirúrxica a través da fibra óptica GreenLight Moxy, o que se coñece como o Láser Verde. Trátase tamén dunha técnica minimamente invasiva que se emprega para o tratamento da Hiperplasia Benigna de Próstata (HBP), que implica diferentes síntomas urinarios problemáticos e molestos. Consiste nunha fotovaporización endoscópica do tecido prostático, de xeito que se introduce unha fibra de láser verde endoscopicamente a través da uretra do varón. Esta luz vaporiza o tecido prostático converténdoo en vapor de auga.

Está indicada para chegar ó lugar desexado e realizar incisión ou escisión cirúrxica, vaporización, ablación, hemostasia ou coagulación de tecido brando. Neste senso, fotocoagula de xeito efectivo os vasos sanguíneos pola súa afinidade coa hemoglobina, o que a fai moi axeitada para pacientes anticoagulados ou de alto risco con enfermidades cardiovasculares ou respiratorias.

Entre as vantaxes do láser verde está un menor risco de sangrado, reducíndose case a cero, e un tamén menor tempo de sonda necesario. O período de hospitalización do paciente acúrtase considerablemente pasando incluso, ás veces, ás 24 ou 48 horas. Este aspecto permite unha máis rápida reincoporación á actividade física e laboral ordinaria.

«Ata o de agora, facíase a técnica da resección transuretral de próstata, unha técnica magnífica que é moi efectiva», explica o xefe do Servizo de Uroloxía, Andrés Rodríguez Alonso; e, agora, «pódese operar tamén con menos risco a pacientes cun peor estado xeral debido a problemas cardiovasculares ou respiratorios engadidos».

Xunto con isto, esta nova técnica evita en moitos casos a cirurxía aberta, xa que permite operar próstatas de maior volume que antes só se podían abordar con esa modalidade de cirurxía. Ata a actualidade, a Hiperplasia Benigna de Próstata (HBP) abordábase tanto coa mencionada resección transuretral como con cirurxía aberta e cirurxía laparoscópica, segundo o perfil de paciente, e en función do tamaño da próstata que se tivera que abordar.

Así, esta nova técnica facilita as cousas para a intervención sobre aquelas próstatas de maior tamaño, que antes tiñan que ser abordadas coa cirurxía aberta en lugar de cunha cirurxía minimamente invasiva. Evítase así o trastorno posterior que a cirurxía aberta supón para o paciente; e mellórase a súa recuperación e reincorporación á vida ordinaria.

Esta técnica de láser verde só se emprega na actualidade en Coruña e Pontevedra. «No caso da nosa área, ademais, incorpórase o láser verde de última xeración», afonda o urólogo, Andrés Rodríguez Alonso. Na Xerencia Integrada de Ferrol, realízanse ó redor de 50 intervencións ó ano para a abordaxe desta patoloxí

Lea también

Valdoviño acoge la exposición del XIX Premio Internacional Jesús Núñez de Arte Gráfica

Podrá visitarse en la casa de la cultura hasta el 20 de febrero. Valdoviño acoge …