O mosteiro do Couto será o protagonista dos actos cos que comezará esta fin de semana a décimo oitava edición da Festa Gastronómica do Pemento do Couto. Mañá pola noite, a partir das 23 horas, iluminarase o exterior do cenobio naronés e media hora antes, a partir das 22:30 e ata a 1:30 da madrugada, terán lugar concertos de música de Cámara, a cargo do grupo galego Musgalia. A entrada é de balde e o aforo estará limitado ao espazo no que se desenvolverán os concertos.
O Concello de Narón, a través das áreas de Festas, Turismo e Protección Civil, colabora un ano máis coa Asociación de Veciños do Couto, a cooperativa do Val e a Ordede Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto na organización desta cita festiva.
A Festa Gastronómica do Pemento terá lugar na xornada do domingo, día 17, cun mercadiño de produtos ecolóxicos nas inmediacións do local social da Picota que comezará a partir das 10 horas. De 11 a 12 horas retomarase o tradicional programa de visitas guiadas ao cenobio naronés, que se realizarán en grupos reducidos, terán algo menos dunha hora de duración e no que os asistentes poderán coñecer polo miúdo diferentes estancias desta construción relixiosa da localidade.
Os actos continuarán ás 13 horas, coa lectura do pregón, que este ano correrá a cargo da xornalista compostelana Raquel Fernández, actualmente traballando no programa Aquí Galicia da TVG, e rematada a súa intervención chegará o turno do xuramento dos novos integrantes da Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto. O presidente da Orde, Tomás Casal, xa avanzou que será o expresidente da Asociación de Veciños do Couto, Anselmo Beceiro, a persoa que recibirá o Pemento de Honra e terá que xurar o seu cargo ante os representantes do colectivo. A lectura do pregón e o xuramento terán lugar no local social da Picota.
A partir das 14 horas comezarán a servirse as racións de churrasco con pementos do couto, cachelos, pan, auga, viño e café ao tizón do menú desta festa gastronómica. Os comensais disporán de mesas e sillas baixo unha carpa que se localizará nas inmediacións do local social da parroquia, con capacidade para algo máis de 400 persoas. Os tickets, cun prezo de doce euros, poden adquirise aínda no local social da Picota e na cooperativa do Val, e que no caso de que queden algúns poderán adquirirse o mesmo día da degustación no citado local social.
A programación festiva continuará pola tarde, coas visitas guiadas ao mosteiro do Couto, que se retomarán de 17 a 19 horas e cunha sesión de música e baile a partir das 18 horas. Haberá tamén unha zona de xogos para os nenos e nenas que acudan a esta cita.