A concelleira de Igualdade do Concello de Narón, Teresa Sabio, desprazouse esta mañá ao Colexio Rural Agrupado de Domirón para visitar aos vinte e un rapaces e rapazas que participan na quenda desta semana do programa ConciliaEscola Verán. Nesta proposta, impulsada desde o Concello e que conta coa colaboración da Deputación da Coruña, participan algo máis dun cento de menores de entre 4 e 12 anos. A edil de Igualdade recordou que o ConciliaEscola Verán comezou o pasado 27 de xuño e rematará o vindeiro 1 de agosto, ao dividirse nun total de cinco quendas.
Os nenos e nenas chegan ao CRA de Domirón a primeira hora da mañá e permanecen no centro ata as 14 horas. Nese tempo, dous monitores encárganse de implicalos nunha gran variedade de actividades. Representacións de monicreques, debuxo, visitas á Biblioteca municipal, xogos de mesa e tiro con arco forman parte da programación que se leva a cabo tanto no interior como nos patios exteriores das instalacións, no caso de que o tempo así o permita. Esta semana, os rapaces e rapazas terán tamén a súa propia Festa da Auga, unha das citas máis divertidas e esperadas por todos eles.
Teresa Sabio asistiu hoxe a unha das divertidas representacións con monicreques protagonizada polos nenos e nenas. A edil naronesa conversou cos menores e felicitounos pola súa implicación nas diferentes actividades programadas. Así mesmo, a concelleira destacou a relevancia deste tipo de programas «dirixidos ás familias da localidade nas que traballan o pai e a nai, prioritariamente, e co fin de poder axudarlles a levar un pouco mellor, aínda que sexa por uns días, a conciliación da súa vida laboral e familiar».