Dende a Asociación de Veciños de Chanteiro presentáronse escritos no Concello de Ares e na Deputación de A Coruña, manifestan preocupación veciñal polo estado no que se atopa a estrada de Ares – Chanteiro, demandando en primeira instancia á Deputación a que leve a cabo o urxente e inmediato desbroce da estrada, vía imprescindible de comunicación dos veciños de Chanteiro, Cervás e Lubre.
FALLA DE AVANCES NAS OBRAS ARES-CHANTEIRO
Tamén manifestaron a preocupación pola falla de avances no desenvolvemento da primeira fase da obra de ampliación e mellora da estrada Ares-Chanteiro, que se supón xa está na súa fase de execución. Mais non se ten observado ningún avance. «Semella evidente que non hai intención de iniciar nada importante ata despois do verán, unha decisión que se ben é lóxica pola época, pode rematar con importantes retrasos nesta necesaria e tanto tempo solicitada obra de ampliación. Unha ampliación que non remata con esta primeira fase, senón que deberá continuar cunha segunda parte que tamén tememos se prolongue nos próximos anos» , sinala a A.VV.
E mentres tanto, esta estrada da Deputación tan estreita, e o resto dos camiños de titularidade municipal, carecen dun mantemento mínimo, como desbroce de arcéns e cunetas, o que fai moi perigosa a circulación de vehículos (máis numerosos agora que estamos no verán) e peóns (que non teñen lugar físico para andar pola beira da estrada).
A Deputación só fai un desbroce anual na vía da súa titularidade, pero que este ano aínda non se levou a cabo. O Concello desbroza camiños e estradas coincidindo coa festa do Voto, no mes de maio, traballos aínda non rematados a día de hoxe. Como consecuencia, os arcéns e cunetas están invadidos pola broza, e son algúns veciños, co seu propio esforzo e recursos, os que limpan as zonas máis perigosas.
«Sería unha tristeza que as administracións competentes só realizasen o seu traballo despois de que se produza un accidente» din os veciños.
PETICIÓN DE REUNIÓNS
Os membros da asociación de veciños recordan que reiteran a solicitude de reunión co presidente da Deputación, petición que se ven presentando dende fai anos, sen ter recibido nunca resposta por parte da institución provincial.
No Concello tamén solicitan manter unha reunión co alcalde e concelleiros de obras e servizos para tratar temas pendentes que veñen demandando os veciños e que dende a asociación consideran importantes.