A parroquia de San Xiao, en Narón, acolle un concerto de Milladoiro

O grupo de música folk Milladoiro estará este sábado, día 9, na parroquia naronesa de San Xiao, onde dará un concerto que comezará ás 22:30 horas. A edil de Cultura, Marián Ferreiro, recordou que «se trata dunha actuación de balde organizada polo Concello e a Asociación de Veciños Ceibe de San Xiao de Narón. O concerto terá lugar nas inmediacións do local social da parroquia».

A recuperación da música tradicional galega foi un dos obxectivos cos que no ano 1970 se creou este grupo de música folk e celta. «Os asistentes a este concerto poderán gozar de cancións do seu último álbum, “A Quinta das Lágrimas” e doutros anteriores», apuntou a edil. Así mesmo, Ferreiro destacou o feito de que «este grupo, considerado na actualidade un dos mellores de música celta no mundo e cunha ampla traxectoria nacional e internacional conta con importantes recoñecementos a nivel autonómico e estatal». A actuación programada en Narón será a primeira de Milladoiro na comarca este verán, xa que a súa xira estival levaráos tamén a Ortigueira e Ferrol nos meses de xullo e agosto, respectivamente.

Así mesmo, desde a organización apuntouse que coincidindo con este evento haberá unha sardiñada (tamén se servirán bolos preñados), a partir das 21:30 horas tamén nas inmediacións do local social de San Xiao, dirixida a todas as persoas que desexen acudir. O prezo é de 3 euros para os socios da AVV e 8 para o resto.

Lea también

Narón acoge en el CC Odeón la exposición de Roberto Marín, ‘Una mirada cofrade’

La plaza de Eventos del Centro Comercial Odeón ha inaugurado este viernes 11 la exposición …