Os nenos de 0 a 3 anos e as súas familias son os destinatarios da actividade A alfombra máxica, organizada pola Concellería de Ensino a través do Servizo de Normalización Lingüística para este venres, día 1 de xullo. A edil da área, Mercedes Taibo, anunciou a apertura do prazo de inscrición ata o 30 de xuño, ás 14 horas, no propio Servizo de Normalización Lingüística do Concello, chamando ao número de teléfono 981 337 700 (ext. 1516) ou a través do correo electrónico a.pita@naron.es. A actividade, de balde, desenvolverase no local social da Solaina en dúas sesións, ambas pola tarde.
A primeira das convocatorias terá lugar entre as 18:30 e as 19:10 e a segunda de 19:30 a 20:10 horas. A concelleira de Ensino explicou que «se trata dun espectáculo sensorial dirixido a bebés, no que os menores“terán a oportunidade de descubrir nunha colorida alfombra táctil moitas emocións e sensacións con actividades moi variadas e nas que non faltarán a música nin as sorpresas».
Apalpando, manipulando, vendo e escoitanto na alfombra máxica, os nenos mergullaranse nunha viaxe sensorial xunto cos seus pais e nais. A artista plástica Mirari Urruzola, de Títeres Babaluva, será a encargada de invitar aos asistentes a experimentar as diferentes sensacións durante o espectáculo, de algo máis de media hora de duración.
A iniciativa, subvencionada pola Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, enmárcase no proxecto Apego de socialización en galego da infancia, tal e como recordou a edil de Ensino.