Presentado en Narón o cartaz e o programa do Oenach Atlántico de Sedes

O local social de Sedes acolleu na tarde do xoves a presentación do programa de actos que se desenvolverá este ano con motivo do Oenach Atlántico de Sedes. A concelleira de Cultura, Marián Ferreiro e a presidenta da AVV Rosa dos Ventos, Julia Montero, presentaron as actividades, que terán lugar do 29 ao 31 de xullo na citada parroquia naronesa.

A edil de Cultura apuntou que o Oenach Atlántico de Sedes alcanza este ano a súa décimo oitava edición e recordou que se trata dunha Festa de Interese Turístico de Galicia desde o ano 2014. Ferreiro destacou «o traballo que ano tras ano realizan os veciños e veciñas de Sedes para manter en pé esta celebración coa que se aposta por recuperar e dar a coñecer a tradición e cultura galegas entre a veciñanza e os visitantes». Ao acto acudiron tamén a concelleira de Turismo, Natalia Hermida; representantes da entidade veciñal Rosa dos Ventos, e veciños de Sedes. O cartaz co que se publicitará este ano o evento é obra do artista ferrolán Juanlu Fernández.

O programa do Oenach comezará o día 29 ás 21 horas, coa recreación do renacemento do Lume Novo Solsticial na Aldea Castrexa, na zona das pallozas localizadas no Trece. Esta actividade permitirá inaugurar oficialmente o evento, cun prendido de lume e a lectura dun texto que marcan cada ano o inicio do Oenach. Ás 22 horas terá lugar un concerto a cargo do grupo galego de cantareiras e pandereteiras Leilía no marco da Noite de Música Galiciana.

Na xornada do 30 de xullo na Campa castrexa abrirá o Mercadiño artesán e tamén se poderán ver unha Mostra de artesanía de cerámica e haberá demostracións en vivo de artesáns elaborando distintos produtos na área da campa. Así mesmo, programouse unha exposición de reproduccións castrexas e tamén varios obradoiros didácticos sobre: construción de vivenda, tecido, cociñado castrexo, micro arqueoloxía, photocall castrexo e animación teatral.

Ao igual que en edicións anteriores, na zona do recinto do Trece poderanse degustar desde as 14 horas comidas con grellados, forneados e doces, todos eles base do que será o apartado gastronómico do Oenach. A programación retomarase ás 17 horas, cando a compañía teatral Os Ghazafelhos representará a obra Contos para Escagarriñarse, dirixida a todos os públicos. Ás 18 comezará unha sesión de xogos populares e obradoiros de enredos tradicionais e ás 22:30 a Noite do Castro. O Castro de Eiravedra centrará os actos nocturnos desta recoñecida festividade, coa estrea da obra O paxaro de Eiravedra, unha peza que representarán os actores da Compañía de Teatro Comunitario de Sedes, cunha trintena de integrantes.

Cada ano os veciños de Sedes elaboran o texto a representar no Oenach e traballan na representación axudados por Pepablo Patinho, integrante da compañía Os Ghazafelhos e monitor de Teatro do Padroado da Cultura de Narón. Rematada a representación, sobre as 00:30 horas, haberá un concerto de música folk.

O domingo día 31 abrirá de novo a Campa castrexa ás 11 horas, coas mostras e obradoiros didácticos da xornada do sábado. O programa de actos da última xornada do Oenach levará tamén ao recinto do Trece, en Sedes, unha mostra e exhibición de raza canina a partir das 12 horas do Club de Raza Can de Palleiro.

O elenco da Compañía de Teatro Comunitario de Sedes actuará de novo ás 13 horas, cunha recreación na campa castrexa e ás 14 comezará o Oenach Gastronómico. Depois do xantar, sobre as 17 os asistentes terán a oportunidade de practicar un variado número de xogos populares e deporte rural e ás 19 dará comezo a tradicional carreira popular ao Castro de Eiravedra, aberta a persoas de todas as idades. Os interesados en participar na carreira deberán inscribirse na campa, podendo facelo o mesmo día da proba ata trinta minutos antes de que comece. Ás 20:30 horas entregaranse os trofeos –haberá tres premios por cada unha das seis categorías, en función da idade dos participantes- e procederase a clausurar esta nova edición do Oenach.

A concelleira de Cultura e a representante da entidade veciñal Rosa dos Ventos, de Sedes, animaron á veciñanza de Narón doutros concellos a participar nas actividades que se desenvolverán no Oenach, así como a presenciar os variados espectáculos que terán lugar durante esa fin de semana na zona do recinto do Trece.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …