A Xunta de Galicia vén de publicar recentemente a resolución das axudas para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais que, no caso o entorno de Ferrolterra, Eume e Ortegal, suporá un investimento de preto de 220.000 euros e beneficiará a nove concellos.
A axuda concedida ao Concello de Ares, de 26.384 euros, destinarase á mellora da eficiencia enerxética no alumado público na zona do porto, no casco urbano; mentres que a que recibirá o Concello de Cabanas, de 15.999,80, servirá para a reforma do parque infantil do concello. En Cerdido, pola súa banda, a achega aprobada pola Xunta, que suma 16.400,16 euros, irá destinada ao pintado da fachada do concello para eliminar humidades e de subministración de mobiliario para a casa do concello; e no caso de Moeche, que recibirá 27.231,38 euros, melloraranse as redes de alumado público.
Segundo a orde publicada no DOG o pasado luns 23 de maio, o concello de Monfero recibirá 14.400 euros, que destinará á adquisición de equipamento para as oficinas municipais. En Mugardos, cunha axuda concedida de 32.987,31 euros, acometeranse as obras de pavimentación da rúa Coruto e o ramal de Celso Emilio Ferreiro a A Penela, na zona de Boado.
San Sadurniño, concello tamén beneficiado nesta convocatoria, presentou o proxecto para o aglomerado da pista da EDAR entre O Casal e A Portela, e recibirá para elo unha axuda de 12.563,66 euros; mentres que As Somozas utilizará a súa achega, de 33.057,85 euros, para diversas reparacións no edificio Concello de As Somozas. Finalmente, e cunha axuda concedida de 39.996,17 euros, o Concello de Vilarmaior asumirá a reparación de vías en Teixoeiras-Vilar.
Máis de 5 millóns de euros para 172 proxectos
A través desta orde, o goberno galego destina un total de 5.328.881 euros para 172 proxectos subvencionados, que teñen como destino a creación e/ou mellora de infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, entre os que se atopan proxectos para instalación, ampliación ou mellora das redes de alumeado público; pavimentación de vías públicas municipais; construción, mellora ampliación ou rehabilitación de espazos públicos, coma prazas, paseos, rúas, parques públicos e parques infantís; construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos básicos e/ou dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias; e construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de instalacións deportivas de uso público e/ou dotación de equipamentos das referidas instalacións.
A Xunta continúa a desenvolver medidas para potenciar e apoiar a prestación de servizos por parte dos nosos concellos, como Administración máis próxima aos administrados, converténdoos en motores do desenvolvemento económico rexional, co obxectivo último de garantir un equilibrio no territorio galego entre o medio rural e urbano, o interior e a costa que permita o desenvolvemento económico da totalidade do territorio, de tal xeito que a cidadanía galega teña unhas óptimas condicións de vida, con independencia do seu lugar de residencia.
Para a execución destes proxectos cóntase co cofinanciamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), a través dos fondos incluídos no Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020. As axudas económicas concedidas financian o 80% do orzamento da obra ou equipamento que se vai realizar, co límite de 40.000 euros para as solicitudes individuais de concellos e 50.000 euros para as solicitudes formuladas conxuntamente por varios concellos e para as presentadas por concellos resultantes dun proceso de fusión municipal constituída nos últimos 5 anos.
Neste sentido, consolídanse as medidas relativas á xestión eficaz e eficiente dos recursos dispoñibles, co obxecto de continuar prestando os debidos servizos aos cidadáns en condicións de calidade que satisfagan as súas necesidades, sendo preciso minimizar custes e xestionar de forma compartida as actuacións públicas. Polo tanto, incentívanse tanto a cooperación entre os concellos como os procesos de fusión municipal voluntariamente concertados, entendidos como un sistema de reorganización que fai posible o aforro dos custos e asemade unha xestión máis eficaz.