As persoas interesadas en participar na «1ª Andaina polas Letras» dispoñen aínda de prazo ata este venres para apuntarse.
A actividade, enmarcada no programa municipal para conmemorar o Día das Letras Galegas, desenvolverase o día 17 de maio, xornada na que tamén terán lugar outros actos. Os camiñantes partirán ás 10.00 horas da praza da Gándara cara ao mosteiro do Couto, para regresar novamente ata o muíño das aceñas e ao punto de partida, onde ás 12.30 horas actuará un Grupo de Música Tradicional Galega do Padroado da Cultura de Narón.
As persoas interesadas en anotarse deben facelo no Servizo de Normalización Lingüística do Concello –no quinto andar- ou no Padroado de Deportes –no pavillón polideportivo da Gándara-. Na actualidade están inscritas medio cento de persoas.
Así mesmo, tamén este venres será o último día para poder apuntarse na actividade «Poemas e contos con Manuel María» que terá lugar este sábado, día 14, na Biblioteca municipal. A proposta, que dará comezo ás 11.00 horas, enmárcase tamén no programa das Letras Galegas e diríxese a nenos e nenas a partir de catro anos. Os menores serán os protagonistas da actividade que dirixirá a contadora de contos e ilustradora Marisa Irimia, en cuxo espectáculo, centrado nos poemas do autor galego Manuel María, non faltará a música de violín. Para anotarse –xa o fixeron unha trintena de persoas- é preciso ter o carné da Biblioteca municipal, e dirixirse ás citadas instalacións ou chamar ao número de teléfono 981 382 173.