O Pazo da Cultura acolle as obras teatrais «V.I.P.» e «Jim e a illa do tesouro»

As compañías teatrais Els Joglars e Eme2 Emoción&Arte protagonizarán os dous espectáculos que se desenvolverán esta fin de semana no Pazo da Cultura. Na xornada do sábado 7, ás 20 horas, co turno de Els Joglars, que porá en escena a obra “V.I.P.”, unha comedia dirixida ao público adulto e cunha duración dunha hora e media. Esta peza pretende facer reflexionar ao espectador sobre o comportamento da sociedade en xeral e, en particular o dos pais e nais cos seus fillos e fillas. Para iso conta a historia dun rapaz que alcanza o trato de Very Important People (VIP) e chega a converterse, cunha serie de privilexios, nun neno intratable.

As entradas, xa á venta na taquilla do Pazo da Cultura, teñen un prezo de 15 euros para o público en xeral e de 10,50 para abonados, persoas con carné xove ou de estudante e desempregados.

O teatro chegará novamente o domingo, día 8, ao Pazo da man da produtora Eme2 Emoción&Arte, que representará a obra “Jim e a illa do tesouro” a partir das 18 horas. Actores e monicreques dirixiranse ao público infantil con esta peza, repleta de música, humor, liortas, piratas, tesouros e unha illa remota na que se sucederán diferentes historias protagonizadas por Jim Hawkins, un pequeno que soña con vivir unha serie de aventuras e converterse nun mariño. Navegará por medio mundo e vivirá múltiples aventuras para, ao final, descubrir unha amizade eterna.

As entradas para ver este espectáculo poden adquirirse xa na taquilla do Pazo da Cultura, a un prezo de 9,50 euros para o público en xeral e de 6,65 para abonados, persoas con carné xove ou de estudante ou desempregados.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …