O Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga 2016) blinda o dispositivo de loita contra o lume en relación con anos anteriores. Este plan, que foi analizado onte polo Consello Forestal de Galicia, ten como principal obxectivo reducir ao mínimo posible os danos ecolóxicos, económicos e sociais producidos polos lumes forestais na nosa comunidade, dentro dos recursos dispoñibles. Ademais, incorpora unha serie de obxectivos específicos orientados a diminuír o número de lumes, o seu tamaño e a superficie afectada, tanto arborada como rasa.
As principais novidades deste plan para o 2016 pasan pola ampliación a 3 anos da duración do convenio entre Medio Rural e as entidades locais para a súa participación na prevención e defensa contra os lumes e pola creación e regulación da figura das agrupacións de defensa contra incendios forestais. Trátase de promover as organizacións de voluntarios e as asociacións relacionadas co medio rural e o medio forestal e a súa implicación na defensa contra os incendios.
Neste novo Pladiga tamén hai unha aposta por poñer en marcha o proceso de análise da relación entre usos do territorio e lumes forestais nas parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI) para a definición e concreción das medidas a implantar.
En materia normativa, dentro desta planificación contémplase a elaboración do decreto de desenvolvemento da lei 3/2007 de defensa contra incendios forestais, no relativo ao uso do lume en áreas recreativas, comunicacións e autorizacións de queimas, criterios de xestión das faixas de xestión de biomasa e o seu tratamento.
Outros aspectos incluídos no Pladiga 2016 están relacionados coas obras de adecuación para a homologación das bases de medios aéreos e o mantemento do esforzo de renovación de equipamentos (dende o ano 2013 renováronse un total de 85 camións de extinción). Ademais, está prevista a posta en marcha dun novo sistema dixital de comunicacións, integrado na rede galega de emerxencias, e a posta en funcionamento do novo programa informático de xestión integral de incendios en tempo real. A maiores, intensificaranse os esforzos no plan de concienciación e divulgación.
Efectivos
Nesta planificación mantense a previsión de dispoñer duns 5.700 efectivos da Xunta na tempada de alto risco de lumes, reforzados por persoal do Ministerio, do Exército e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado ata completar un operativo de máis de 7.000 efectivos. Ademais, contarase con arredor dunha trintena de medios aéreos –entre os propios da Xunta e os que aporta o Estado– e 360 motobombas da Xunta, dos concellos e dos parques de bombeiros, aos que se engaden cisternas, pas e outros vehículos. Os integrantes do Consello Forestal disporán agora dun prazo de quince días para presentar achegas ao Pladiga 2016, que se presentou de xeito provisional e aberto a modificacións, ata a súa aprobación definitiva polo Goberno galego.