O concelleiro de Medio Ambiente do Concello de Narón, Octavio Dopico, anunciou que hoxe luns e mañá martes desenvolveranse dúas charlas na localidade incluídas na Campaña de sensibilización Medioambiental que sobre a avespa velutina organiza a delegación de Ferrolterra da Asociación Galega de Apicultura xunto co Concello de Narón e entidades veciñais de Pedroso e Sedes.
A primeira convocatoria terá lugar esta mesma tarde, a partir das 19 horas no local social da Pombiña, en Pedroso, contando coa colaboración da AVV Virxe da O da citada parroquia. Na xornada do martes celebrarase a segunda sesión, ás 20 horas, nas instalacións doutra das entidades colaboradoras, a Asociación de Veciños Rosa dos Ventos, de Sedes.
A Asociación Galega de Apicultura recorda que estes meses de primavera son os máis axeitados para aplicar as diferentes técnicas de trampeo que permitan controlar o avispón asiático, unha perigosa especie inimiga do medio ambiente. No transcurso destas charlas informarase aos asistentes sobre a vida e o comportamento da velutina; os colectivos afectados; sistemas de vixianza e control, así como da necesidade de colocar trampas na primaverapara capturar ás raíñas –cada niño xera centos delas en outono e fundan novas colonias na primavera- e a eliminación de niños nas tempadas de verán e outono, tal e como indican desde AGA. Así mesmo, haberá demostracións sobre cómo elaborar esas trampas ou atraíntes para poder capturar ás raíñas e ofrecerase información sobre o programa Stop Velutin”, impulsado desde a citada entidade.
A Asociación Galega de Apicultura insta á veciñanza a colaborar nestas campañas para tratar de reducir os niños de velutina e, para iso, solicita que se coloquen nas hortas e xardíns un par de trampas penduradas de árbores en flor. As persoas interesadas en contactar coa entidade para obter máis información poden facelo a través do número de teléfono 661 378 960 ou do correo electrónico: dagaferrol@hotmail.com.