Este sábado plantación de árbores no paseo marítimo de Xuvia, Narón

naron-paseo_maritimoA Asociación Xuvenil de Tempo Libre «Croio», de Narón,  convocou para o vindeiro sábado, día 23 de abril, a tradicional plantación de árbores que anualmente realiza con alumnado dun centro escolar do municipio. A actividade, na que se implicarán unha trintena de nenos e nenas de Primaria do colexio Virxe do Mar, forma parte das que o colectivo organiza en virtude a un convenio asinado co Concello. Na convocatoria participarán tamén o alcalde, José Manuel Blanco, e varios edís da corporación municipal, entre eles o de Medio Ambiente, Octavio Dopico.

O paseo marítimo de Xuvia será un ano máis o lugar no que se realizarán as plantacións, á altura da parte traseira da igrexa de Santa Rita. Ás 11.30 horas os participantes reuniranse na zona (onde xa estarán feitos os buratos) e recibirán unha pequena explicación do persoal de «Croio» sobre cómo plantar unha árbore. Tras repartir as ferramentas o colectivo disporase a plantar, a partir das 12.00 horas, un total de corenta árbores de diferentes especies. Entre as mesmas están o «liquidámbar», «magnolio», «loureiro portuxés», «callistemo», «arce xaponés» e «acivro». Desde a organización recoméndase aos asistentes acudir con roupa e calzado axeitados para a ocasión.

Unha vez que se planten as árbores colocaráselles unha etiqueta co nome das persoas que colaboraron na súa plantación e tamén co da especie en concreto. Antes de dar por finalizado o acto realizarase unha foto de familia para, a continuación, proceder á entrega duns agasallos conmemorativos aos participantes.

Lea también

Narón súmase ao chamamento da Mancomunidade para un consumo responsable de auga

Os concellos da comarca manteñen dende xullo medidas de aforro, que continúan vixentes ante a …