Narón programa actividades para conmemorar o Día do Libro

A Biblioteca municipal de Narón acolle varios actos con motivo do Día do Libro, que se conmemora o 23 de abril. A concelleira da área de Bibliotecas, Mercedes Taibo, anunciou que este sábado se presentará pola mañá a canle Eu leo, eu son Booktuber, con seis vídeos sobre reseñas de libros gravados o pasado 16 de abril.

Así mesmo, o 23 de abril haberá unha sesión de contacontos para nenos e nenas a partir de 5 anos: Cervantes e Shakespeare, 400 anos despois, a cargo de «A trastenda dos contos». A cita, de balde, comezará ás 11 horas e as prazas dispoñibles, corenta, estanse a cubrir desde onte (chamando á Biblioteca municipal, ao teléfono 981 382 173).

O programa deseñado desde a área de Bibliotecas é máis amplo, e inclúe outras actividades, como a participación de persoal do centro naronés na Feira do libro de Ferrol, o venres día 22, para informar aos asistentes sobre fondos, servizos, actividades, e horarios da bibliboteca, entre outros temas relacionados coas citadas instalacións municipais.

Así mesmo, na xornada do venres rematará a IV Feira-Mostra do libro usado e de segunda man, iniciada o pasado 18 de abril e na que se cubriron as dez prazas que se ofertaron desde a Biblioteca municipal. Os participantes teñen á súa disposición dez mesas da planta baixa, onde poden amosar, trocar e vender libros usados. A concelleira de Bibliotecas asegurou que «se trata dunha magnífica oportunidade para poñer a disposición da veciñanza unha gran variedade de libros de diferentes estilos, temáticas, e dirixidos a diferentes tipos de lectores», destacando o éxito desta convocatoria.

A maiores, continúase estes días coa «liberación» de libros en espazos públicos, a través dunha proposta de Bookcrossing, publicándose as mesmas na páxina: www.bookcrossing.es, facilitando así a localización dos exemplares ás persoas interesadas en sumarse a esta proposta. Esta mesma semana deixáronse libros no Centro de saúde, no Centro Comercial Narón e no Centro Manuela Pérez Sequeiros, tal e como apuntou Taibo.

«Un ano máis, desde o Concello quixemos conmemorar unha data tan importante como o Día do Libro, e para iso traballamos na elaboración dun programa no que apostamos por implicar tanto aos nenos e nenas como aos maiores, con actividades a través das que fomentar a lectura e tamén para dar a coñecer un pouco máis as instalacións da Biblioteca municipal», indicou a edil da área. Mercedes Taibo animou á veciñanza a participar nestas actividades que, recordou, rematarán este sábado, coincidindo co Día do Libro.

Lea también

Axenda en Narón do 22 ao 23 de novembro

Venres 22 de novembro de 2024 Actividade: Obradoiro de defensa persoal para as mulleres Hora: …