A concellería de Participación Cidadá de Narón organiza un seminario formativo en balde dirixido tanto a representantes de asociacións como a particulares interesados en mellorar as súas dinámicas de traballo en conxunto.
Así o informou a edil da área, Catalina García, quen recordou que este venres 15 rematará o prazo para anotarse no que se desenvolverá os días 19, 21 e 26 deste mes no Centro Cívico Social de San Mateo, sobre Habilidades para o traballo en equipo. O curso, aberto á participación de ata un máximo de trinta persoas de todas as parroquias da localidade, consta de tres sesións presenciais de dúas horas e media cada unha, e unha dunha hora e media de carácter práctico, entre as 18 e as 20:30 horas. Os interesados poden asistir ás clases os tres días ou só nas xornadas que especifiquen, entregándose ao final un diploma acreditativo.
«O equipo como construción: redes que cooperan»; «As técnicas grupais e a resolución de situacións conflitivas» e «A dirección de xuntanzas» son as temáticas que se abordarán nas tres sesións. A concelleira de Participación Cidadá agradece a implicación e colaboración das entidades, así como a da cidadanía, «polo respaldo que realizaron xa ás anteriores convocatorias formativas proxectadas a través da Escola de Participación Cidadá», dependente da concellería presidida por García.
A edil animou aos veciños e veciñas a participar activamente nestas xornadas formativas «coas que pretendemos fomentar o traballo en equipo, a posta en común, compartir medios e crear proxectos en conxunto», explicou.
García incidiu ademais en que con este tipo de iniciativas, indicando que «queremos recuperar a forma de traballar en grupo, dado que deste xeito podemos non só xestionar mellor os recursos, senón tamén dispoñer de máis forza e presencia».
As persoas interesadas en inscribirse ou recibir máis información poden facelo a través do número de teléfono da Escola de Participación Cidadá do Concello de Narón: o 629 747 336, ou do correo electrónico: escoladeparticipacion@cidadania.coop.