O Concello de Narón inicia os traballos de medición da calidade de internet

O Concello de Narón comezou hoxe a realizar as medicións sobre a calidade na recepción do sinal 3G e ADSL na zona rural. Así o anunciou a concelleira de Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, que explicou que se contabilizaron un total de 77 autorizacións para instalar temporalmente os medidores nas vivendas e locais sociais das diferentes parroquias. Hermida recordou que o traballo responde ao compromiso adquirido polo goberno local coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), organismo dependente da Xunta, para entregar un informe no que se determine a calidade da cobertura de internet no rural.

As medicións comezaron na parroquia de San Xiao, «ao tratarse da que máis autorizacións rexistrou para deixar colocar os medidores nos inmobles de particulares, un total de 21», sinalou a edil. Os tres equipos permanecerán nas diferentes ubicacións entre dous e tres días, tal e como apuntou a edil.

As tarefas continuarán nas parroquias de San Mateo -17 autorizacións-; Castro – 13-; O Val -9-; Sedes -8-, e Pedroso -2-, se ben en Doso non se obtivo ningún permiso. «As sete medicións restantes terán lugar nos locais sociais das citadas parroquias», apuntou Hermida. O persoal da empresa que instala os equipos acode correctamente identificado, e tamén o están os medidores que se deixan

A edil de Novas Tecnoloxías recordou que estes traballos permitirán nun prazo aproximado duns catro meses dispoñer dun completo informe que se entregará á Amtega «para a procura de melloras na calidade do servizo de internet nas parroquias da zona rural, co fin de solucionar as diferentes problemáticas detectadas e informadas pola veciñanza sobre a recepción do sinal que ofrecen na actualidade as operadoras».

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …