O Concello de Narón celebra un acto en conmemoración do Día Internacional do pobo xitano

O salón de plenos do Concello acolleu esta mañá un acto de conmemoración do Día Internacional do pobo xitano, unha cita que este ano se organizou dun xeito máis solemne debido a que varias familias que residen na localidade se atopan actualmente de loito.

O evento consistiu na lectura dun manifesto que un grupo de mozas xitanas que residen na localidade redactou coas súas mestras e cuxo obxectivo é reivindicar as súas demandas na sociedade. Á convocatoria acudiron a primeira tenente de alcalde e portavoz de TEGA, Marián Ferreiro; as edís de Acción Social e Igualdade, Catalina García e Teresa Sabio, e o portavoz de EU, André Abeledo.

O rexeitamento da discriminación, a demanda de igualdade e a loita contra o racismo foron algúns dos asuntos sobre os que falaron as mulleres, que defenderon as cores da súa bandeira: azul, verde e cunha roda de carro vermello para representar o ceo, o campo e a liberdade do pobo xitano no mundo, respectivamente.

O colectivo recoñeceu estar orgulloso de pertencer á súa raza e subliñou que «hai paios e paias malos e bos e xitanos e xitanas malos e bos. Niso, todos e todas somos iguais». O manifesto permanece exposto na entrada do Concello.

A concelleira de Igualdade entregoulles un agasallo ás mulleres tras dirixirse a elas para animalas para continuar «impulsando o cambio e loitando por manter a vosa identidade», dixo. Na mesma liña se pronunciou a edil de Acción Social, que destacou a labor que realiza o colectivo e animou ás protagonistas da convocatoria a continuar loitando polos seus dereitos.

Lea también

La academia de Baile All Dance Studio actúa este sábado 31 en Narón

El Centro Comercial Odeón acoge este sábado por la tarde la exhibición de la escuela …