Actívase no Marcide unha consulta da esclerose lateral amiotrófica

As persoas da área sanitaria ferrolá diagnosticadas de Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA) benefícianse dunha nova consulta monográfica sobre esta enfermidade que se activou na Xerencia Integrada de Ferrol. Esta semana tiña lugar a segunda consulta monográfica mensual sobre esta enfermidade. A gran vantaxe é que estes pacientes, que pola evolución da enfermidade tiñan que realizar visitas ata en tres especialidades distintas, coas súas correspondentes probas, poderán acudir agora nun só día, e xa seren atendidos inicialmente en tres ámbitos: a neuroloxía, a nutrición, e a pneumoloxía.

Nesa nova consulta, ofrécese unha atención multidisciplinar na que o especialista en Neuroloxía mantén unha permanente coordinación cos Servizos de Endocrinoloxía e de Pneumoloxía, onde tamén existen profesionais referentes para os pacientes, así como unha enfermeira de enlace do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, o que permite unha asistencia moito máis áxil en todo o proceso. Os pacientes da área sanitaria contarán tamén cunha número de teléfono ó que chamar ante calquera dúbida. O obxectivo, explicou o especialista en Neuroloxía desta consulta, Javier Naveiro Soneira, «é mellorar a calidade da asistencia que se ofertaba a estes pacientes».

Esta consulta, que se ofrece un venres ó mes, comezaba o pasado venres 26 de febreiro con seis pacientes; e a segunda tivo lugar este venres 1 de abril, e atendéronse outros seis pacientes. «As persoas que viñeron amosaron un alto grao de satisfacción coa consulta», explicou o facultativo. «A todos lles favorece evitar desprazamentos, pero sobre todo saen máis beneficiados os que veñen de máis lonxe», engadiu este especialista.

Favorecer a asistencia

A ELA é unha enfermidade dexenerativa de tipo muscular, e orixínase cando as células do sistema nervioso, denominadas motoneuronas, diminúen gradualmente o seu funcionamento provocando unha parálise muscular progresiva. Existen dúas formas, a esporádica, que comprende entre o 90% e o 95% dos casos, e non ten carácter hereditario; e a familiar, que abrangue entre o 5% e o 10% dos afectados, e ten un compoñente familiar. No Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, trátanse ó redor de 15 casos actualmente; e prodúcese unha media de dous novos caso ó ano desta enfermidade.

Durante a evolución desta enfermidade, os pacientes teñen a necesidade de ser atendidos por distintos facultativos especialistas, xa que poden presentar dificultade para respirar, chegando a precisar ventilación mecánica; ou tamén dificultades de deglución, sendo necesaria incluso a inserción dunha sonda no estómago, a través da que poder introducir os nutrientes necesarios directamente ó estómago.

Cómo se desenvolve a consulta

Os pacientes aténdense de xeito programado cada dous ou tres meses, segundo o caso; e, tamén, a demanda en función das necesidades ou por calquera eventualidade que poidan presentar. O día da cita -normalmente o último venres de cada mes- coordínanse as consultas cos especialistas de Neuroloxía, Pneumoloxía e Nutrición. «Isto evitará que teñan que se desprazar en tres días distintos para seren atendidos. Establécese así un referente para o paciente e a súa familia», explicaron.

«A idea é ir ampliando a consulta, incluíndo a Rehabilitación, Psicoloxía e Traballo Social, que xa colaboran. Tentaremos ampliar tamén a Otorrinolaringoloxía e a Dixestivo; coa súa correspondente Enfermaría. Esta iniciativa non sería posible sen a correspondente colaboración e traballo de todos», engadiu o neurólogo, Javier Naveiro.

Por outra banda, a atención telefónica continuada realizarase en días laborais, de 09 a 15 horas, e unha enfermeira xestora de casos atende a estes pacientes.

Lea también

“As Pontes, Terra de Cogomelos” premia ós mellores cociñeiros de Galicia

O xurado decidirá o próximo sábado 30 de novembro nun evento de portas aberta ao …