A Unidade de Hipertensión do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol é referencia en toda España para unha cuestión ligada á Hipertensión, o que se denomina hiperaldosteronismo primario, un exceso crónico de aldosterona, unha das hormonas que regula a tensión.
Un traballo sobre esta cuestión, asinado por seis profesionais, e dirixido polo especialista en Medicina Interna da Xerencia Integrada de Ferrol, Francisco Martínez Debén, foi premiado na 21ª Reunión de la Sociedad Española de Hipertensión e da Liga Española para la lucha contra la Hipertensión Arterial, que se celebrou hai uns días en Valencia. Presentáronse un total de 237 traballos, dos que se escolleron 56 para amosar en dez sesións distintas. O traballo ferrolá recibiu a distinción nunha desas sesións, e publicarase na revista da Sociedad Española de Hipertensión.
As dúas hormonas principais que regulan a presión arterial a longo prazo son a renina e a aldosterona. Unha de cada dez persoas que teñen hipertensión ten un exceso de aldosterona, o que se coñece como hiperaldosteronismo primario. O exceso desta hormona conduce a dano vascular e renal de xeito independente dos efectos dunha tensión alta ou hipertensión. Nesta investigación, en colaboración coa Facultade de Enfermaría e Podoloxía, e con Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, estudáronse a 16 persoas dunha mesma familia, familiares en primeiro grao (irmáns, fillos e sobriños) dun caso índice de Hiperaldosteronismo Primario, nos que se mantiñan estables e normais os índices de tensión e potasio.
Na Unidade de Hipertensión do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, posta en marcha no ano 1991, tense estudado e investigado amplamente esta cuestión. Á asistencia, súmase o desenvolvemento de ensaios clínicos a nivel internacional, e de investigacións como iniciativa propia. «En Ferrol temos investigado amplamente o Hiperaldosteronismo Primario Familiar, somos referencia neste eido; e temos xa 47 familias diagnosticadas na nosa comarca», explicou Martínez Debén. Este especialista, ademais de coordinar este traballo premiado, actuou como moderador nunha mesa dedicada ó alcohol e á saúde, e impartiu unha conferencia precisamente sobre o Hiperaldosteronismo Primario: A causa máis frecuente de hipertensión secundaria.
Estudando o posible dano
Nalgunha das variedades familiares identifícanse individuos afectados pola alteración hormonal, que non desenvolveran hipertensión, pero que, igualmente, poden presentar anomalías cardíacas como alteracións na estrutura do ventrículo esquerdo ou da función diastólica. Isto é hai dano orgánico non provocado por hipertensión, pero si pola trastorno hormonal. A partir dun caso índice, estudáronse a 16 familiares. «Aquí en Ferrol temos a sorte de contar con ecocardiógrafos de última xeración, e técnicas sofisticadas de imaxe que se aplicaron neste traballo», afondou Martínez Debén.
Entre as conclusións do traballo figura que en 7 dos 16 familiares detectouse o hiperaldosteronismo primario, pero sen anomalías ecocardiográficas asociadas. Estes estudos permiten descubrir casos cunha presión normalizada que se diagnostican «antes de que o proceso dea a cara». Así, pódese actuar preventivamente. Neste senso, destácase sobre todo cunha medida clave, «evitar o consumo de sal. Se non hai sal, o dano é mínimo», explicaron os especialistas en Medicina Interna. Ademais, axústanse mellor os fármacos para esta alteración, xa que se poden administrar aqueles que bloquean a hormona aldosterona. Sabendo que é así, de xeito paralelo «ofrécese un tratamento que, ademais de mellorar a tensión, evita o dano que pode producir o exceso desa hormona».
Este traballo foi premiado pola actualidade deste tipo de alteración, o hiperaldosteronismo primario, porque «en Ferrol levamos anos facéndoo visible e estudándoo, ata o de agora había poucos estudios familiares ó respecto. Distínguese igualmente tamén a colaboración con outros ámbitos como o da Enfermaría, e con outros Servizos, como o de Cardioloxía. Por último, tamén se valora que os datos ecocardiográficos aportados sexan os máis sofisticados que existen na actualidade”», resumiu o especialista.
A hipertensión
Lembrar que a presión arterial é a forza que exerce o sangue ó circular polas arterias, e exprésase en dous valores diastólica (mínima), na que o corazón está dilatado e cheo de sangue; e sistólica (máxima), na que o corazón se contrae e a expulsa. A presión arterial é distinta en cada persoa e pode variar ó longo do día, e segundo a actividade. A maior presión arterial, maior risco de enfermidade cardiovascular; que é o factor modificable máis frecuentemente ligado ás distintas enfermidades cardiovasculares e a primeira causa de morte a nivel mundial.
Un de cada tres adultos desenvolve a hipertensión na sociedade occidental. A partir dos 60 anos, un de cada dous, é dicir a metade da poboación. A hipertensión é o motivo de prescrición máis frecuente. Non hai un motivo concreto de orixe, é unha combinación entre factores xenéticos e ambientais, como o sedentarismo, a inxestión elevada de sal, ou o sobrepeso, entre outros. Na maior parte dos casos non se amosa unha causa específica, entre o 80% e o 90% teñen esa modalidade de hipertensión arterial primaria. Noutros casos, coma neste traballo que levou Francisco Martínez Debén a Valencia, a hipertensión ten a súa orixe noutra causa, como unha alteración hormonal, ou doutros órganos como o ril, por exemplo.