A Xunta impulsa a posta en valor e a comercialización dos pementos de Herbón

A Consellería do Medio Rural impulsa a posta en valor, a mellora da comercialización e a aplicación do I+D+i (Investigación, Desenvolvemento e innovación) ás producións agroalimentarias galegas e nomeadamente aos pementos de Herbón, en colaboración coa Denominación de Orixe Protexida (DOP) que ampara este produto.

Así o destacou a conselleira Ángeles Vázquez na xuntanza que mantivo coa directiva da Sociedade Agraria de Transformación (SAT) A Pementeira, situada no concello coruñés de Padrón e que comercializa os afamados pementos co indicativo de calidade desta DOP.

As responsables desta SAT presentaron á conselleira a marmelada de pementos, un innovador produto que obtivo un gran éxito no mercado e que favorece a ruptura da estacionalidade no proceso de comercialización, xa que a venda de pementos está limitada ao período maio-outubro, mentres que esta conserva pode consumirse todo o ano. Deste xeito, ademais, avánzase na diferenciación do produto, dándolle un valor engadido e mellorando a súa presenza nos mercados.

Ángeles Vázquez analizou coas pementeiras a situación actual e perspectivas en canto á produción e venda de pementos e reiteroulles o apoio da Xunta á súa actividade. Lembrou que no ano 2014 a Consellería achegou máis de 16.000 euros ao Consello Regulador desta DOP en concepto de axudas para gastos de funcionamento e promoción do produto amparado.

Por parte de Medio Rural estase a traballar tamén no eido da xenética dos pementos, co fin de garantir a conservación dos recursos xenéticos e estudar as variedades que mellor se adaptan ao mercado, en función das demandas dos consumidores. Esta actuación coordínase desde o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), no marco do labor investigador dos recursos fitoxenéticos da horta galega.

Datos da DOP

Baixo o paraugas desta DOP producíronse en 2014 un total de 88.462 quilos de pementos, cun valor económico estimado que superou os 250.000 euros. A data de 31 de decembro dese mesmo ano había un total de 41 produtores amparados, así como 8 almacenistas e envasadores. A área de produción e envasado de pementos cuberta por esta denominación abrangue os termos municipais de Padrón, Dodro e Rois na provincia da Coruña e Pontecesures e Valga na de Pontevedra.

Lea también

Los termómetros superan este martes los 42 grados en varios municipios ourensanos

Varios municipios de la provincia de Ourense han superado este martes los 42 grados de …