O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, presidiu na mañádeste martes a recepción institucional á Muller do Ano 2016, unha distinción que -a modo de sorpresa, como é habitual- se concedeu a Manuela Luz Díaz Gómez (Maruja), unha mariscadora de 85 anos –cumprirá 86 o día 11 deste mes- que naceu na parroquia de San Mateo. Foi o primeiro dos actos desenvolvidos no municipio co gallo do Día Internacional das Mulleres. Coa homenaxe a esta muller, que ten once fillos –dous faleceron con curta idade-, dezasete netos e dez bisnetos, o Concello de Narón quere facer extensiva a distinción a todas as mulleres que traballaron e traballan no mar. Á convocatoria asistiron, ademais de familiares e amigos da homenaxeada, a edil de Igualdade, Teresa Sabio e os portavoces municipais de TEGA, Marián Ferreiro; PSOE, Catalina García, e BNG, Pablo Villamar.
Acompañada da súa filla Marta, coa que vive no Feal, chegou Maruja ao Concello pensando que lle ían cambiar o número da súa vivenda. Foi a edil de Igualdade, Teresa Sabio, a encargada de dicirlle que ese non era o motivo da súa visita, apuntando que «Narón é a oitava cidade de Galicia e cremos que houbo xente que colaborou a que se incrementase o número de habitantes nos últimos anos, polo que nos gustaría que unha persoa que está hoxe aquí nos explicase cómo fixo para traballar fóra e na casa, levar unha vida adiante, e ser o eixo da súa gran familia».
A continuación foi o alcalde o encargado de chamar á homenaxeada. «Dixéronme que nesta sala hai unha persoa que ten moita información de Narón, e que habitualmente se coñece como Maruja pero que se chama Manuela Luz Díaz Gómez, a quen lle pediría que nos acompañara nesta mesa para explicarnos un pouco a súa historia», apuntou Blanco. O rexedor local anuncioulle á homenaxeada que a través deste acto «queremos explicarlle ás mulleres o que era a súa vida na casa, compaxinándoa co seu traballo fóra, sendo unha das primeiras mulleres de Narón, se non a primeira, que foi a mariscar en bote». Maruja recordou que traballou no mar 25 anos e explicou aos representantes municipais e aos asistentes ao acto que «cando a marea era pola mañá facía as cousas da casa pola tarde e os nenos comían no comedor da escola, e cando era pola tarde e eu facía as labores pola mañá e atendía ás vacas, ás galiñas, aos coellos…Eu non tiña ningún tempo libre porque ás sete da mañá xa estaba pasando o ferro á roupa para que os nenos e nenas foran á escola».
O alcalde léulle á homenaxeada o acordo plenario no que se acordou conceder a Manuela Luz Díaz a distinción de Muller do Ano 2016, «atendendo ás circunstancias específicas no plano social e persoal». A continuación Maruja recordou parte da súa historia aos asistentes e tamén algunhas das anécdotas vividas no mar, como cando rompeu augas mentres faenaba, e tamén cómo lle aprenderon a ler e escribir asistindo a un programa de alfabetización impartido desde o Concello de Narón, vivencias que lembrou durante o acto. A homenaxeada recibiu como agasallos institucionais un broche e tamén un ramo de flores como recordo desta data, ademais dunha copia do acordo plenario no que se aprobou nomeala como Muller do Ano 2016.
O rexedor local e a concelleira de Igualdade felicitaron a Maruja e destacaron a súa labor persoal e profesional, conversando animadamente con ela e agradecéndolle o seu traballo para, a continuación, convidala a asistir á Cea da Muller que terá lugar este venres en Casa Becerra.
O programa de actos deseñado con motivo do Día Internacional das Mulleres continuó pola tarde, ás 17.00 horas, cun acto simbólico de solta de globos pola Igualdade na Praza de Galicia. Así mesmo, este xoves, día 10, o Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros acollerá unha homenaxe póstuma á exedil Manuela Pérez Sequeiros, a partir das 12.30 horas e o venres, día 11, terá lugar a tradicional Cea das Mulleres en Casa Becerra (San Xiao), ás 21.30 horas. Nesta última convocatoria homeanexarase a Maruja cun acto público. As persoas que desexen acudir á cea deben abonar 20 euros no número de conta ES30-0182-4590-11-0010024250 (BBVA) –canxeando o resgardo bancario pola entrada no Servizo Sociocomunitario de Narón- ou adquirir os tickets no propio restaurante, dispoñendo de prazo ata mañá para facelo.
Os actos continuarán o día 18 deste mes, cun obradoiro de saúde no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros, a partir das 18.00 horas, sobre o «Virus do papiloma humano». A sesión repetirase o día 29, a partir das 16.30 horas, no IES das Telleiras. A última actividade programada será o 1 de abril no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros, cunha charla sobre «Saúde cardiovascular feminina» a partir das 18.30 horas.