Alumnos do CRA de Narón participarán nun taller no Parque Temático Aldea Nova

O concelleiro de Medio Ambiente do Concello de Narón, Octavio Dopico, e o xerente da empresa que xestiona as instalacións, Pename, Fernando Beceiro, presentaron esta mañá a primeira das actividades que se desenvolverá no planetario do Parque Temático Integral de Desenvolvemento Rural Aldea Nova, na parroquia de Sedes.

O edil naronés recordou que o ano pasado, con cargo a unha partida de 36.502 procedeuse a dotar de novo material ás instalacións «para incrementar a súa oferta programática, complementándoas cun planetario nun dos inmobles xa existentes no recinto».

Foi o xerente da empresa Pename o encargado de anunciar que o vindeiro xoves, día 10, un total de 48 alumnos e alumnas de educación Infantil do Colexio Rural Agrupado de Narón participarán no primeiro taller de astronomía que se desenvolverá no planetario, entre as 10 e as 13 horas. Beceiro destacou a calidade das instalacións, de titularidade municipal, e asegurou que co planetario en funcionamento «poderemos convocar actividades durante todo o ano en Aldea Nova». A oferta deste espazo está previsto completala con talleres de bioloxía e de ciencia nos vindeiros meses. Así mesmo, desde a empresa indicouse que se están organizando novas actividades, como unhas sesións de astroloxía que poderían realizarse semanalmente cun programa a desenvolver tanto dentro do planetario como no mirador do exterior de Aldea Nova.

O concelleiro de Medio Ambiente recordou que no parque temático Aldea Nova se convocan actividades durante todo o ano, dirixidas a persoas de diferentes idades. «O ano pasado 1.572 alumnos e alumnas de centros de ensino do concello de Narón visitaron as instalacións e confiamos en poder incrementar esta cifra coas actividades que se desenvolverán a partir de agora no planetario», apuntou Dopico.

A empresa Pename ten xa concertados talleres de astronomía con centros educativos de Ferrol, da Coruña, Lugo, Viveiro, Malpica… e desde a xerencia apuntouse que as persoas interesadas en concertar visitas ou participar nas actividades que se programen en Aldea Nova poden facelo chamando ao número de teléfono 608 048 031, ou escribindo un correo electrónico á dirección aldeanovagranja@gmail.com.

O concelleiro de Medio Ambiente animou así aos diferentes colectivos do municipio e da comarca, así como ás persoas doutros concellos, a facer uso destas instalacións municipais «nas que se pode gozar dunha xornada formativa e, ao tempo, lúdica, con diversas actividades pensadas para persoas de diferentes idades».

Lea también

Axenda en Narón o 27 e o 28 de abril

Sábado 27 de abril de 2024 Actividade: Danza tradicional “Ceibe” Hora: 20:00 Lugar: Pazo da …