O Concello de Narón programa actos para conmemorar o Día de Rosalía

As concellerías de Ensino e Bibliotecas e de Cultura, dirixidas por Mercedes Taibo e Marián Ferreiro, respectivamente, programaron varios actos con motivo da conmemoración do Día de Rosalía, o 24 deste mes.

A primeira das citas correrá a cargo da área de Ensino e Bibliotecas e consistirá nunha sesión de lectura de textos da recoñecida poetisa galega na Biblioteca municipal. O alcalde, José Manuel Blanco, e a edil de Ensino e Bibliotecas participará, xunto con outros representantes da corporación local, nesta actividade, que se desenvolverá a partir das 12 horas.

Mercedes Taibo recordou ao respecto que poderán asistir todos os veciños que o desexen para ler textos da citada autora, previamente seleccionados por eles ou escoller algún dos que se ofrecerán no propio centro. Antes de iniciarse esta sesión de lectura procederase a homenaxear ao socio número 16.000 da Biblioteca municipal, un veciño do Alto do Castiñeiro e cuxa familia é tamén usuaria do servizo.

«Coincidindo tamén co Día de Rosalía desenvolverase unha actividade programada desde a Concellería de Cultura». Así o avanzou a edil da área, Marián Ferreiro, que indicou que se procederá a inaugurar no Pazo da Cultura unha exposición de vestimentas e instrumentos tradicionais. A mostra poderá visitarse na entrada do Pazo da Cultura desde o día 24 de febreiro ata o 12 de marzo. «Tanto os traxes que permanecerán expostos como os instrumentos son propiedade do Padroado da Cultura, algúns destes últimos elaborados nos talleres de construción de instrumentos do Padroado», recordou a concelleira.

A programación para conmemorar o Día de Rosalía continuará desenvolvéndose o día 26 de febreiro, xornada na que terá lugar a sesión de contacontos infantil A paisaxe de Rosalía. Trátase dunha cita programada a través do Servizo de Normalización Lingüística de Narón e dirixida a nenos de 4 a 8 anos, según explicou Mercedes Taibo, e que se desenvolverá a partir das 18 horas na Biblioteca municipal.

Neste caso, subliñou a edil, «é necesario reservar praza –de balde-, polo que as persoas interesadas en asistir deberán facelo a partir deste luns, día 22, no mostrador da biblioteca ou chamando ao número de teléfono 981 382 173. Os nenos e nenas serán os protagonistas desta actividade», asegurou Taibo, que recordou que «se implicarán no momento da narración das aventuras e trasnadas da pequena Rosalía, tomando como referencia os poemas de Cantares Gallegos. Os menores irán solventando unha serie de probas para colaborar no desenvolvemento da historia a medida que esta avanza», indicou.

A edil Mercedes Taibo animou aos veciños e veciñas a participar nos actos programados para conmemorar o Día de Rosalía «para rendir así unha máis que merecida homenaxe a esta gran narradora e poetisa galega do século XIX ao cumprirse 179 anos do seu nacemento».

Pola súa banda, a concelleira Marián Ferreiro destacou que «con este tipo de actividades queremos recoñecer desde a localidade o valor do traballo de Rosalía de Castro a prol do uso da lingua galega e tamén da súa extensa obra, en moitos casos traducida a varios idiomas».

Lea también

El primer premio de la Lotería Nacional deja 360.000 euros en Narón

La suerte de la Lotería Nacional se dejó caer este pasado sábado en Narón. La …